Cada vez máis maiores

Fene licita un novo contrato para a prestación do servizo de axuda no fogar
19 de Febreiro, 2019 - 10:37 h. | Publicada por Radio Fene

En abril caduca o actual contrato coa empresa "Atendo" de axuda no fogar para persoas dependentes, daí a urxencia en aprobar as bases e iniciar un novo proceso de licitación, cousa que fixo o pleno da Corporación de Fene celebrado esta mañá.

ESCOITA O PODCAST:
Pleno da Corporación de Fene

O pleno de Fene aprobou por maioría o novo expediente de contratación do servizo de “axuda no fogar” porque o actual coa empresa Atendo caduca no mes de abril e a empresa anunciou en outubro que non ía renovar . O contrato valórase en 814.000 euros/ano, tendo en conta que Fene conta na actualidade cunha media de 90 usuarios e usuarias. O contrato terá unha duración dun ano prorrogable a outro máis.

A portavoz do PP, Rocío Bértoa, explicou que prima o criterio dos medios personais, o maior número de empregados que ofreza a empresa. E contestou, a preguntas da oposición, que servizos haberá. Explicou que a fisioterapia non é dos demandados polos usuarios e usuarias e ademais encarece moito o servizo.

O BNG reprochou ao goberno a tardanza en presentar o expediente porque a empresa avisou xa no mes de outubro que non seguía. Tamén preguntou polos servizos que se esixirán no prego de condicións.

O portavoz socialista, Antón Noceda, criticou que estando diante do contratos máis importantes do concello, este pareza unha subasta que só valora o prezo e non criterios de calidade. O voceiro socialista suxeriu que porqué non se facía unha enquisa entre os usuarios para ver qué servizos lles gustan máis.

A voceira de EU tamén reprochou a falta de diálogo coa oposición á hora de elaborar as bases do contrato. Con estes argumentos, toda a oposición abstívose mentres o PP e Somos Fene votaron favorablemente. A corporación de Fene reuníase ás nove da mañá nun pleno extraordinario no que quedou finalmente aprobado o expediente de contratación do servizo “axuda no fogar”.

Institucional

Publica o teu comentario agora