A caldeirada de raia conquista Cariño

A caldeirada de raia conquista Cariño
01 de Agosto, 2019 - 01:50 h. | Publicada por Radio Fene

A caldeirada de raia e a sardiña lañada conquistarán este sábado Cariño. As racións comezarán a repartirse á unha e media do mediodía. O Concello conta coa colaboración da Asociación de Amas de Casa e dos Amigos de San Xiao do Trebo.

Raia no mercado da Praza de Lugo da Coruña

A raia é un peixe cartilaxinoso e romboidal. Din algúns que é un diamante en bruto do mar ao que non se lle presta moita atención. A raia come agachada entre a area e as algas, movendo as barbas que ten xunto da boca, atraendo peixes miúdos e pequenos moluscos para comelos.

A carne da raia é branca e preta, pechada nun estoxo de pel dura. Nas costas de Galicia temos varias especies: a cravuda, que é a máis común; e a santiaguesa, con estreliñas no lombo debuxando unha cruz do Apóstolo. Tívose polo peixe máis afrodisíaco, ata o punto de que en Cornualles chegou a prohibirse por decreto que as mulleres a transportasen se non ía envolta e tapada como é debido, pois crían que a súa visión desataba os máis luxuriosos instintos.

Frita, na grella, cocida, guisada en caldeirada ou á galega con allada. É moi apreciada en Cariño, pero tamén en Portonovo, Raxó e outras vilas da ría de Pontevedra nas datas de amenceres fríos, segundo asegura Fausto Galdo en “Abecedario das mantenzas”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora