A calidade do queixo e o mel de Goente ensálzase na primeira feira adicada a estes dous produtos

A calidade do queixo e o mel de Goente ensálzase na primeira feira adicada a estes dous produtos

01 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

Dous produtos gastronómicos serán as estrelas o domingo 11 de outubro en Goente no concello das Pontes. Nesa xornada celébrase a Primeira Feira do Queixo e da mel no campo da festa de Goente, cuberto baixo unha carpa. A partir das once comezan os festexos que inclúe xantar popular e música.

Á beira do Río Eume, zona gandeira por natureza, obtéñense os queixos das Pontes. Queixos de pasta branda, cremosa e uniforme, con poucos ollos, mantecosos, cun suave salgado, que conserva todo o sabor do queixo galego tradicional. O mel da comarca do Eume é un alimento completo. Axuda a curar doenzas do corazón, anemia, de riles, infeccións pulmonares, catarros, ou para a circulación do sangue. Así presentan os seus produtos os organizadores da Feira do queixo e do mel de Goente.

A cita culinaria comeza ás once da mañá coa venda e exposición destes dous manxares. Ás dúas e media terá lugar un xantar arrufado por unha gran orquestra. A comida con prazas limitadas para 400 persoas, cómponse de churrasco, pan, viño, freixós, e como nón, requeixo e mel. O custe da entrada é de 12 euros. A retirada de billetes remata o vindeiro martes 6 de outubro. Os interesados poden adquirilas na Casa do mel, Casa Díaz, Casa Valentín e Bar Manola de Goente, no Bar Picos de A Faeira e en Casa Herminia do Rego dos Bácaros.

Os primeiros cen compradores de mel serán agasallados cunha sorpresa. 1ª Feira do queixo e do mel , o domingo 11 de outubro no Campo da festa de Goente.

Sociedade