Camelle achega a visión máis persoal de Man no seu oitavo cabodano

Camelle achega a visión máis persoal de Man no seu oitavo cabodano

28 de Decembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

A Casa da Cultura de Camelle acolle ás sete e media desta tarde a estrea do documental Man, home sen paz. Un filme de 72 minutos de duración, dirixido por Simón Vázquez e con guión de David Formoso, que nos achega unha tripla visión de Manfred Gnädinger: o que opinaban del amigos e veciños, o que pensan da súa obra expertos en arte (Juan Creus, Antón Castro, Antón Sobral

Como o seu propio nome, Manfred, indica, o Alemán centrou a súa vida na busca da paz e na conciliación entre o progreso e a natureza, asegura Simón Vázquez. O realizador conta que Man dedicou a súa vida á reflexión, “como reflicten as miles de notas que deixou co que pensaba e co que lle sucedía”.

Man, home sen paz busca dignificar a vida do artista e que a xente se poida achegar o máximo á súa figura, dado que o seu carácter introvertido fixo que moitos adoptasen unha imaxe del que non se corresponde coa súa verdadeira persoa. O documental procura, polo tanto, romper cos tópicos e a escuridade que sempre rodeou ao Alemán. Por iso, a confrontación de puntos de vista é unha constante no filme, afirma o seu director, para o que se entrevistaron a 17 persoas.

Ademais dos seus textos, os responsables da cinta accederon á gravación dalgún turista. Nelas atopamos a un Man que fala da súa obra e asegura que esta “é máis bonita co paso do tempo”. Unha afirmación que abre un debate ao redor da súa produción, xa que non se sabe ata que punto hai que preservala e restaurala ou non facelo.

En canto á análise dos expertos en arte, Simón Vázquez afirma que aínda é moi superficial, xa que os textos de Man están escritos nun alemán complexo, e cargados de aforismos e metáforas. Tan só accederon para realizar o documental a un 5% dos documentos. A maiores hai unhas 5.000 fotografías e tamén moitos recortes de xornais. Este material foi atopado no rocho da súa casa e agora encárgase da súa preservación a propia Fundación Man.

O director de Man, home sen paz, asegura que o Alemán foi un pioneiro, un artista inclasificable, total e multidisciplinar, xa que “Man esculpe, pinta, deseña unha casa ou fai fotografías, cunha sensibilidade moi especial”.

O filme xa tivo algún pase previo á estrea desta tarde. Vázquez afirma que a resposta está sendo fantástica. Foi seleccionado no Festival Internacional de Ourense, onde as críticas foron moi boas e agora están pendentes da súa estrea na TVG e da súa selección para os Premios Mestre Mateo.

Cultura