Cancelados ou adiados 41 espectáculos

Cancelados ou adiados 41 espectáculos
21 de Abril, 2020 - 01:29 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Narón tivo que adiar ou anular ata 41 espectáculos previstos desde o comezo da alarma sanitaria ata o 30 de maio. Os galegos adiáronse pero os internacionais houbo que cancelalos.

ESCOITA O PODCAST:

Se o sector do turismo sofre como ningún outro a crise sanitaria, o da Cultura non digamos. O Pazo da Cultura de Narón véuse na obriga de cancelar ou adiar ata 41 espectáculos profesionais que tiña concertado desde a alarma sanitaria ata o 30 de maio. Unha cantidade moi significativa de citas que teñen detrás a moitísimos traballadores da Cultura. A maioría dos espectáculos foron adiados para o outono, os galegos todos, os do resto da península todos menos un. Non é así cos internacionais que tiveron que ser cancelados. Explícanos o técnico cultural do concello de Narón e programador do Pazo da Cultura, Luciano Fernández, que os espectáculos internacionais, entre eles o "Festival Singular" que incluía mesas redondas e mesas de negocios, con participantes de Brasil ou Cuba, houbo que cancelalos, igual que os que forman parte de xiras internacionais.

Os espectadores que mercaran xa as entradas teñen que saber que son válidas para a segunda programación. Aquelas persoas ás que non lles veñen ben as novas datas teñen dereito á devolución da entrada en canto se abran as taquillas. Aos abonados se lles devolve ao momento. Luciano Fernandez non é moi optimista con que se poda reanudar a actividade do Pazo da Cultura no mes de setembro. “Polo que imos coñecendo, advirte, quizás estemos falando de decembro ou xaneiro. Ogallá sexa en setembro onde xa atemos recolocado algún espectáculo”, por exemplo o concerto de Sés previsto para o 18 dese mes. Os artistas perden moitísimo, máis cando é un colectivo, aclara Fernández, que non se puido acoller a ningúnha axuda, nin a ERTES nin a nada parecido, debido ás súas características.

Infórmanos Luciano Fernández que no País Vasco, Canarias e Cataluña xa están tomando medidas para compensalos pero en Galicia aínda non se sabe nada. “Esperemos que tomen nota” afirma o técnico cultural de Narón. No Pazo da Cultura neste momento traballan tres persoas de forma presencial, das 40 que o fan habitualmente. Luciano Fernández non é partidario de reabrir en condicións precarias, a pesar de que o aforo do pazo naronés podería abrir con 250 espectadores dos 900 para os que ten cabida. No resto do Estado menos do 10% dos espazos culturais reúnen características similares e en Galicia só o 1%. “Os costes para os demais serían inasumibles” explica. Se ao final se decreta empezar, seremos uns privilexiados, afirma Luciano quen cré que aínda así habería que tomar medidas de seguridade. Polo demais, a vida cultural do concello naronés non se parou grazas ás novas tecnoloxías que permitiron manter a actividade das escolas culturais e da Escola de Teatro. Mesmo están tendo unha actividade moi intensa.

(Na imaxe, actuación de Paula Carballeira no Pazo da Cultura de Narón con "A carreta fantasma". 2018)

Cultura

Publica o teu comentario agora