Cando descarrilou o pórtico

Cando descarrilou o pórtico
03 de Outubro, 2019 - 11:16 h. | Publicada por Radio Fene

O vento azoutou a comarca de Ferrol a cento setenta quilómetros por hora e deixou un rastro de destrución e perdas materiais. Descarrilou o guindastre-pórtico de Astano, e a factoría foi desaloxada por falla de enerxía eléctrica e polo risco para os empregados. O vento levouse o tellado do colexio Curros Enriquez de Maniños. Foi o ciclón “Hortensia”, o catro de outubro de 1984, hai trinta e cinco anos.

ESCOITA O PODCAST:

Fragmentos da emisión de Radio Fene. Ciclón Hortensia. Outubro de 1984

http://173.255.131.18/audio/031019HORTENSIA.mp3

Campo da festa de Maniños tras o ciclón Hortensia. 1984.

O guindastre pórtico de Astano rompeu aquel día os ancoraxes da roda e comezou a inclinarse polas súas vías. Foi chocar contra a estrutura do tope final, que quedou destrozado. Descarrilou nun dos seus pés. Ademais gran cantidade de chapas de uralita e pezas de todo tipo voaban por diferentes lugares do estaleiro. Fallou a enerxía eléctrica e ás nove e media da mañá desaloxouse a factoría. Foron para casa os cinco mil homes que daquela traballaban en Astano. Soamente quedou o persoal de mantemento.
O director de Radio Fene Pablo Lago anunciaba o dia anterior as medidas de prevención arbitradas polo Concello. Unha pala, un médico, unha ambulancia, a policía municipal e Radio Fene con emisión ininterrompida desde as sete da tarde. O ciclón era unha cousa nova en Galicia.
Naquel 1984 Fene vivía o momento da reconversión naval. Radio Fene anunciaba o dia anterior unha manifestación en Ferrol para pedir a dimisión do gobernador civil e o mantemento de Astano.
O daquela alcalde de Fene Xosé María Rivera Arnoso reclamaba a unión da cidadanía cos seus representantes sindicais e políticos. Demandaba á poboación que fora consciente da importancia do momento.
O ciclón Hortensia levouse consigo o tellado do colexio Curros Enríquez de Maniños. Trasladouse á rapazada para a escola da Armada e para o salón parroquial. O representante da ANPA Taibo convocaba en Radio Fene unha asemblea dos pais e nais.
Radio Fene mantivo ese dia unha emisión especial continuada. Son moitas as chamadas de oíntes facendo peticións, ofrecendo axuda e dando conta da situación pola súa zona. Unha desas comunicacións solicita tellas planas para unha cuberta que levara o vento. Despois de horas de infrutuosa busca, apareceron. A radio, a primeira e máis grande rede social, segundo lembra Pablo Lago.

Sociedade

Publica o teu comentario agora