Cando o fútbol era aínda música no corpo

Cando o fútbol era aínda música no corpo
30 de Abril, 2020 - 09:53 h. | Publicada por Radio Fene

O fútbol era aínda música no corpo, festa dos ollos, tal e como di o escritor uruguaio Eduardo Galeano. Pero, a expedición do Racing de Ferrol a Burgos en 1957 converteuse nunha viaxe cun triste retorno. Foron xogar un partido da Liga da Segunda División de fútbol, pararon en Cacabelos para disputar un partido amigable e volveron co corpo sen vida do seu adestrador, Juanito Vázquez.

ESCOITA O PODCAST:

Conversa co historiador Jorge Deza sobre Juanito Vázquez

http://173.255.131.18/audio/300420DEZA.mp3

Juanito Vázquez, a "Flecha ferrolá"

O adestrador era tamén xogador e morreu no campo na localidade de Cacabelos no Bierzo. Segundo a súa familia, o adestrador Juan Vázquez Tenreiro que dirixía o Racing de Ferrol, faleceu dun infarto de miocardio mentres disputaba o partido amigable entre o Cacabelense e o equipo ferrolán o luns 22 de abril de 1957
Como daquela había moitos trámites burocráticos e económicos para trasladar un corpo sen vida dunha provincia a outra, a expedición decidiu emprender a viaxe a Ferrol co corpo de Juanito e se ofreceu a autoridade a versión do falecemento producido durante o traxecto. Segundo o xornal do martes 23 de abril de 1957, “o domingo, o Ferrol xogou en Burgos e o luns disputou un partido amigable en Cacabelos. Rematado o encontro, Vázquez se sentiu indisposto e faleceu seguidamente dun ataque ao corazón. Juanito Vázquez levaba cinco tempadas como adestrador do Racing de Ferrol. O seu sepelio tivo lugar en Fene”. (LVG 23-04-1957.)
Na seguinte xornada o Ferrol recibiu ao Eibar. “Antes de iniciarse o encontro, o pai Mario da Orde da Mercé, fixo a súa entrada no terreo de xogo acompañado do equipo arbitral, de ambos conxuntos e directivos do Ferrol e do Eibar. Rezouse un Pai noso polo eterno descanso do que foi adestrador do Ferrol, Juan Vázquez Tenreiro, recentemente falecido. O público posto en pé, rezou fervorosamente pola alma do exemplar deportista ferrolán desaparecido.”
Flecha ferrolá
Juanito Vázquez, “Flecha ferrolana”, fora adestrador do Astano e do Fene. Como xogador, militou no Racing, Deportivo da Coruña, Celta de Vigo e Atlético de Madrid. Tamén defendeu as cores da selección española. O seu neto é o presentador de televisión Jesús Vázquez. Segundo o historiador Jorge Deza, Juanito Vázquez deixou un recordo de optimismo e bonhomía entre os seus compañeiros.
Segundo o xornal había moitos anos que Juan Vázquez era veciño de Fene, onde o seu don de xentes se gañara a simpatía e afecto da cidadanía. “En vida loitou sempre por todo o que redundase en beneficio de Fene”.Juanito Vázquez, excelente amigo e gran deportista, afirmaba o cronista.
Eran outros tempos. Agora neste século XXI o fútbol profesional condena o que é inútil, e é inútil o que non é rendible. Pero o Racing de Ferrol daquela aínda era un club popular nacido á beira do Arsenal e dos estaleiros.. O intelectual italiano Antonio Gramsci loubou ao fútbol como un "reino da lealdade humana exercida ao aire libre"..
Pero o “Flecha ferrolana” militou en equipos obrigados a saudar ao público coa palma da man estendida. Naqueles anos, os goles que a radio transmitía eran clarinadas de triunfo máis eficaces que o himno "Cara al sol". Ben o sabía a ditadura.

 

Deportes

Publica o teu comentario agora