Cando pase todo isto hai que quererse máis

Cando pase todo isto hai que quererse máis
03 de Abril, 2020 - 12:24 h. | Publicada por Radio Fene

O presidente de IEN por Europa prioriza as vidas humanas á crise económica. Afirma Manuel Pérez que esta última ten solución, as mortes non.

ESCOITA O PODCAST:

“O ánimo entre os empresarios da comarca está complicado” manifesta o presidente de IEN por Europa, Manuel Pérez. A asociación con sede en Fene ven de aprobar por unanimidade outorgar a súa insignia de ouro ao empresario coruñés Amancio Ortega.

Manuel Pérez está convencido de que a crise económica, custe máis ou menos tempo, sempre se soluciona. Para el o mal desta crise sanitaria é o alto custe de vidas humanas. “É unha pandemia moi grande, sen precedentes, apunta Pérez, e había que tomar estas medidas radicais aínda que a nivel empresarial sexa un caos”.

En relación coa distinción a Amancio Ortega, Manuel Pérez so ten palabras de eloxio para este empresario que é, segundo el, un modelo a seguir. A insignia de ouro é un premio, explica Pérez, “á súa xenerosidade e filantropía”. Aínda que alguén do actual goberno o critique, as súas accións favorecen aos pobres e aos máis desfavorecidos, conclúe o empresario fenés que recorda para todos nós algunhas desas acción xenerosas de Amancio Ortega; os millóns para comprar tecnoloxía punta contra o cancro para os hospitais; as bolsas  para estudar no estranxeiro ou, nesta ocasión, poñer a súa capacidade loxística ao servizo do goberno central.

Quedamos coa incógnita de si Amancio Ortega acudirá a recoller a insignia no xantar que IEN por Europa organiza con este motivo para honrar aos seus galardoados. O presidente de IEN non se atreve a dicir nada porque a Ortega non lle van estas festas e, en todo caso, non se concretou nada aínda. O que nos deixa Manuel Pérez é o desexo de que despois de que pase todo isto, “aprendemos a querernos máis”.

(Na imaxe, Manuel Pérez con Luís Villar, fundador de Recreativos Tívoli e un dos galardoados coa insignia de ouro).

Sociedade

Publica o teu comentario agora