As cantareiras de Ardebullo actuan o sábado na homenaxe aos Mártires de Carral

As cantareiras de Ardebullo actuan o sábado na homenaxe aos Mártires de Carral

21 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

As cantareiras de Ardebullo, as coñecidas Mucha e Nucha, protagonizarán este ano os actos de homenaxe aos Mártires de Carral, organizados polo Concello da localidade coruñesa. O duo humorístico actuará na Praza do Concello de Carral o vindeiro sábado 25 de abril ás oito da tarde. Os veciños agrupados nunha asociación cultural representarán ademais a obra “Abril de lume e ferro” de Manuel María.

Os actos conmemorativos dos sucesos que remataron en 1846 co fusilamento dos Mártires iniciaránse o sábado 25 de abril ás 5 da tarde cun percorrido en tren polo roteiro creado en homenaxe ao comandante Solís e os outros oficiais fusilados. Haberá tamén xogos para os nenos, festa do bolo preñado e a actuación do grupo de gaitas Catalmimbre. As 7,45 realizaráse unha ofrenda floral diante do Monumento do escultor Asorey. As 8,45 comezará a representación teatral da obra que evoca os sucesos do século XIX. Ao remate da escenificación o grupo de música Cultura Aberta ofrecerá un concerto.

 

Os sucesos de 1846 segundo os historiadores.

 

Xose Ramón Barreiro (Historia de Galicia. 1979)

 

O levantamento de 1846 non pode ser interpretado como un pronunciamento militar máis. Hai elementos atípicos que teñen que ser asumidos nun modelo propio. No levantamento interveñen os militares, máis non somentes os militares. Hai unha incorporación moi notable de civís.  O levantamento foi preparado na súa maior parte polo partido progresista, máis o grupo galeguista, o máis forte intelectualmente, soupo chegar a facerse imprescindible, dotalo da altura necesaria e controlalo civilmente por medio da Xunta Suprema de Galicia. Preside a Xunta Rodriguez Terrazo, actuando como secretario Antolín Faraldo, estudiante a quén debemos moitas das mellores páxinas escritas por eses anos sobre Galicia. O levantamento que comeza en Lugo o 2 de abril de 1846, derrúbase o 26 de abril en Carral, co fusilamento de doce oficiais. Máis non todo fracasou cando os dirixentes vencidos, Faraldo, Romero Ortiz, Rúa Figueroa, Añón, Rodriguez Terrazo e outros patriotas galegos pisaron a terra irmá de Portugal como exiliados. Xusto naquel instante o galeguismo empezaba a ser unha esperanza inmortal.

 

Vicente Risco (Historia de Galicia. 1952)

 

O 1 de abril de 1846 levántase en Lugo o Batallón dirixido polo comandante Miguel Solís e Cuetos. Forman unha Xunta de Armamento e Defensa baixo o berro de “Viva a liberdade, viva a Raiña libre e constitucional, abaixo a camarilla e o dictador Narváez e abaixo o sistema tributario”. O dia 5 pronunciase a gornición de Santiago, a onde chegou Solís o dia seguinte. O dia 9 alzouse Buceta en Pontevedra, e o 10 Rubín en Vigo, e despois Baiona, O Morrazo, Redondela e Tui. De Madrid mandaron as tropas co Xeneral de la Concha ao fronte, pero mentras se suman ao pronunciamento Muros, Noia, Poboa do Caramiñal, Vilagarcia, Ribeira, Rianxo, Padrón e Caldas. O 15 de abril fórmase a xunta Superior de Goberno de Galicia, cuio secretario foi Faraldo. A Xunta dispuxo a supresión do sistema tributario, a rebaixa da sal e dos aranceis xudiciais, a reforma do plan de estudos e o amaño do presuposto do culto e clero, lanzou un manifesto e editou un periódico titulado LA REVOLUCION. Caseque toda Galicia estaba no seu poder. O dia 24 comeza a batalla de Cacheiras nas inmediacións de Santiago. O comandante Solís espera o reforzo das tropas de Vigo, que non chegan e tras un duro combate, as tropas gubernamentais prenden ao Exercito da Xunta de Galicia no mosteiro de San Martiño Pinario. Os doce xefes e oficiais dirixentes son conducidos á Coruña. Ao pasar por Carral, celebran nesta vila un irregular Consello de Guerra, condean a morte a Solís e aos outros 11 militares. Alí mesmo os fusilan e os enterran. Faraldo, Romero Ortiz, Añón e outros revolucionarios civís, tiveron que expatriarse.

 

Ramón Villares (Historia de Galicia, 1980)

 

Na década de 1840 unha xeración de intelectuais mozos descobren a singularidade de Galiza. Antolín Faraldo, neira de Mosquera, Romero Ortiz, Rodriguez Terrazo e outros integran este grupo de precursores. Realizarán un traballo intelectual de sistematización das características diferenciadoras de Galiza e dos problemas que se lle presentaban. Comezan ademais a desenvolver o concepto de unidade galega, utilizando elementos procedentes do rexeneracionismo, autonomismo e do provincialismo. A posta en práctica das súas ideas ofrécella a este grupo o pronunciamento de Solís en abril de 1846 en Lugo, contra o goberno de Nárvaez e a favor da Raiña Sabela Segunda. En principio foi un pronunciamento propio do progresismo español, no que tamén participaron destacados progresistas galegos. Pero logo do fracaso da intentona militar no resto da península, fórmase a Xunta Superior  de Goberno de Galiza, instalada en Santiago, que preside Rodriguez Terrazo e da que era secretario Antolín Faraldo. Nunha proclama que esta Xunta difunde o 15 de abril de 1846, fálase de que Galiza “está arrastrando ata aquí unha existencia oprobiosa, convertida en verdadeira colonia da Corte. Pero vai levantarse da súa humillación e abatemento”. O pronunciamento fracasa tras a derrota en Cacheiras e o fusilamento dos seus dirixentes na vila de Carral o 26 de abril daquel ano. En 1904 unha suscripción popular logra levantar un monumento aos mártires da liberdade na localidade coruñesa. Aqueles sucesos de 1846 convertiránse nun mito para o galeguismo de comezos do século vinte.

Sociedade