A cara oculta do deporte

A cara oculta do deporte
14 de Decembro, 2020 - 12:51 h. | Publicada por Radio Fene

Durante a pandemia todos os deportistas viron como a súa forma de vida, ou un complemento indispensable, parou en seco. Falouse moito dos atletas ou do deporte federado, tamén dos ximnasios pero neste colectivo hai un gran esquecido: o deporte adaptado.

ESCOITA O PODCAST:
Membros da Asociación Sociocultural ASCM

Para a presidenta da Asociación Sociocultural ASCM, Paula Gárate, esta “insensibilización” recae no descoñecemento social que se ten acerca deste colectivo. Isto ocorre de forma xeneralizada pero no deporte é de forma continua. Os medios de comunicación esquecen, en moitos casos, que as persoas con diversidade funcional tamén teñen competicións.

Non só falamos de deporte afeccionado, de mantemento ou para a rehabilitación. Falamos de deportistas federados que compiten a nivel nacional ou incluso nos Xogos Parolímpicos. Incluso hai disciplinas que son exclusivas do deporte adaptado como é a boccia.  

A disciplina, a constancia ou o esforzo é o mesmo pero non están para nada equiparados con outros atletas. O abanico de deportes e enorme e dentro de cada disciplina hai adaptacións para a necesidade de cada persoa que o queira practicar, aínda así a difusión que teñen é mínima. Son uns descoñecidos.

Moitas das persoas con algunha incapacidade que practicaban deporte antes da pandemia non retomaron o seu deporte. Non foron tratados como os deportistas que a sociedade considera normativos, sobre todo aqueles con discapacidades máis severas.

Eles e elas son os grandes descoñecidos do deporte. De forma inxusta, claro está. Os prexuízos sociais e o descoñecemento son os que, en gran medida, deixan fóra a atletas que, xunto con asociacións como ASCM, levan moito tempo buscando unha vida digna.

Deportes

Publica o teu comentario agora