Caras novas

A nova corporación de Fene terá seis caras novas e todas son mulleres.
31 de Maio, 2019 - 02:12 h. | Publicada por Radio Fene

A Corporación de Fene elixida o pasado domingo ten caras xa coñecidas e caras novas. Xa non estarán sete ediles que estiveron nos últimos catro anos: Mariela Aguilar do BNG; nin Ana Novo e Alejandro Gutiérrez do PP. Tampouco se sentarán no novo mandato Amalia García Balado e Joaquín Ayala do PSOE, nin Xoan Manuel R. Bastida e César Castro de Somos Fene.

Fixámonos nas caras novas que son todas mulleres.

Na lista do PP, repiten cinco concelleiros-as e topamos a novidade na número tres, Tamara Miragaya López, unha xove de 22 anos que estudou nos Casais, no IES de Fene e finalmente na Universidade da Coruña, onde se graduou en Traballo Social. É a máis nova da corporación por iso o dia 15, cando prometa o cargo será presidindo o pleno na mesa de idade. Na lista do BNG estréanse dúas mulleres na nova corporación; Cristina García Moroño, veciña de Fene, traballadora e delegada sindical dunha empresa de Axuda a Domicilio e María de los Ángeles Coira López, membro da ANPA do colexio Centieiras . A lista do PSOE aporta outras tres caras novas, as tres mulleres que ocuparon os numeros 1, 3 e 4 da candidatura. A candidata á alcaldía, Mar Piñeiro Otero, de Maniños, avogada e arquitecta técnica; Marta Pereiro Calvo, de Barallobre, 26 anos experta en deseño e moda. A terceira é Ana Basoa Rioboo, veciña de San Valentín, coñecida comerciante do barrio e pintora.

En total seis caras novas, todas mulleres, dun total de 17 ediles, algo máis dun tercio da corporación municipal. En xeral a nova corporación de Fene contará con 10 mulleres e 7 homes. (Un deles, Manuel Polo do BNG, xa fora concelleiro en anteriores mandatos). A maiores das seis caras novas femininas, repiten Rocío Bértoa e Juana Barro do PP, Alejandra Permuy no BNG e M.ª Carmen Martínez de EU. A nova corporación constituirase en dúas semanas, o sabado 15 de xuño ás 12 da mañá.

(Na imaxe, interventores-as no colexio Centieiras o dia das Eleccións Municipais)

Institucional

Publica o teu comentario agora