Carballo quere escolas

Carballo quere escolas

06 de Maio, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A falla de planificación e os recortes en Educación semellan estar detrás da problemática do CEIP Fogar de Carballo. As familias temen que vinte rapazas e rapazas queden sen escolarizar ante a falla de prazas. Esixen a apertura dunha nova aula de infantil.

Vén de lonxe a problemática escolar en Carballo, segundo asegura o xornal dixital Que Pasa na Costa, da Asociación de Medios en Galego (AMEGA). Xa o ano pasado os pais e nais da zona do CEIP Fogar erguéronse esixindo a apertura dunha aula de infantil, i é que son moitos os nacementos nesta zona carballesa e as prazas de escolarización non son suficientes.

O pasado luns celebraban unha concentración ás portas do Concello carballés, e, a pesar do mal, tempo, un centenar de pais apoiaron esta reivindicación tan básica como a escolarización dos seus pequenos.Así, a día de hoxe, quedan 20 familia afectadas, con 20 nen@s que se quedan sen praza no CEIP Fogar por un mero problema político-económico. “O problema vén de lonxe”, recoñece Marcos Díaz, un dos pais afectados. “En Carballo, como en todos lados, hai unhas zonas e dase unha puntuación segundo proximidade ao centro, e a zona do Fogar é moi ampla e se masifica dende hai anos. Mesmo a Consellería recoñeceunos á ANPA que hai un problema co mapa de zonas pero por agora non o solventaron, e iso que hai 8 anos que se vén producindo este problema”.

Uns pais e nais que manteñen unha forte unión nas últimas semanas, esixindo a resolución dun problema que pode deixar a 20 nenos sen escolarizar. E realmente, solventaríase coa creación unha cuarta aula de infantil no centro carballés. Pero aí entran os cartos e de feito dende a Xefatura de educación xa deixaron caer que era practicamente imposible abrir outra aula, porque o centro está bastante saturado, e iso impediría outras actividades noutras aulas.

”En termos económicos, que ao final é o que importa”, recoñece Díaz, “á Xunta o que lle supón é poñer un profesor máis, que se miras o coste por neno é moi baixo, e moito menor que o imos gastar en garderías ou en transporte”.

Ademais do económico hai un problema político en cernes. O Concello carballés, gobernado polo BNG, asegura que leva enviado todas as propostas á Xunta en tempo, mentres a Xunta asegura que non o manda correctamente. En todo caso, e de cara á posible apertura da 4ª aula, o Concello xa afirmou que asumiría todos os gastos dunha posible reforma no CEIP Fogar, polo que só fai faltaría que enviasen un profesor dende a Xunta.

Outras opcións

Un dos puntos que máis critican os afectados é que falamos dun asunto que xa se ten que saber dende lonxe, a raíz dos nacementos anuais. E é que arredor dun 25% dos nenos que pediron praza nova este curso non foron admitidos na zona, un asunto do que as administracións deberían saber de antemán, e deberían ter buscado solucións. Pero os recortes en educación seguen traendo consecuencias coma esta.

Os propios pais e nais afectados xa están traballando en buscar solucións. “Os pais fomos trampeando entre os nós para ver quen quería ir ao CEIP Bergantiños ou a unha segunda aula na escola Unitaria de Mirón, en Bértoa, pois os que van a Mirón pasan dentro de 3 anos ao Fogar, e é un centro onde podería acondicionar unha segunda aula”.

Todo vén ademais por un problema colateral, i é que no colexio da Milagrosa hai moi poucas solicitudes, de feito a pesar das 50 prazas ofertadas, este ano non chegaron 10 solicitudes.

O caso é que “hai xente que mesmo mercou casa preto do Fogar para levar alí aos seus fillos, e agora atópanse con este problema”. E se ben indican que pode haber xente que aproveita un “falso” empadronamento para aproveitarse da praza, non quere levar o asunto ao eido persoal.
Unión

Por agora “a xente está comprometida, hai unión, e iso é fundamental”, apunta Díaz. Xa estivemos a semana pasada na Xefatuta da Coruña falando cun Inspector da nosa zona, pero agora queremos reunirnos con Indalecio Cabana, Xefe Territorial de Educación, para formalizar as nosas peticións”.

“Admitir que hai 20 familias que non van a escolarizar aos seus fillos é algo moi triste”, conclúe.

Sociedade