Carme Brea: “A violencia de xénero é unha forma de terrorismo”

Carme Brea: “A violencia de xénero é unha forma de terrorismo”

22 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras e UGT-Galicia veñen de facer o seu análise anual da situación da violencia de xénero en Galicia, ademais de formular propostas para a súa mellora.

A responsable da Secretaría da Muller de CCOO, Mabel Pérez, apuntou que tan só 14 das 62 mulleres asasinadas este ano en España denunciaran previamente seren maltratadas. O número 016 de atención a maltratadas recibiu un total de 9.422 chamadas, e o número de denuncias rexistradas en 2009 foi de 6.068. Os sindicatos denuncian a falta de equipamento e de xulgados específicos para casos de violencia de xénero, xa que na actualidade só existen dous, un na Coruña e outro en Vigo.

Pérez indicou que existen 794 mulleres perceptoras de axudas, pero que reciben estas con retraso. Asemade, piden máis recursos residenciais e que estes sexan específicos para vítimas que teñan patoloxías asociadas ao maltrato. Cren necesario un maior número Centros de Información á Muller (CIM) e mostran a súa preocupación pola redución do orzamento da Xunta nas políticas de Igualdade. Destacan sobre todo a descoordinación entre os diferentes axentes e demandan un servizo común para axilizar todo o proceso.

Pola súa parte, Carme Brea, responsable da Secretaría da Muller de UGT, anunciou que os sindicatos poñerán en común as súas demandas nun documento que entregarán aos voceiros parlamentarios o 25 de novembro. Brea coida que, en relación a este problema, existe certa resignación na sociedade e considera a violencia de xénero  como unha forma de terrorismo, aínda que non se trate como tal. Tamén lembrou que a erradicación deste tipo de violencia é un dos obxectivos do milenio e resaltou a importancia da educación para poder conseguila.

Sociedade