Carmen Becerra: “A obra de Torrente Ballester aséntase no Quixote e en Pessoa”

Carmen Becerra: “A obra de Torrente Ballester aséntase no Quixote e en Pessoa”

24 de Novembro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

“A figura de Gonzalo Torrente Ballester merece máis”. Esa é a sentenza da profesora da Universidade de Vigo, Carmen Becerra. Gran estudosa da figura do escritor ferrolán, Becerra explica que Torrente foi silenciado e mesmo maltratado por prexuízos de tipo político, terxiversándose e malinterpretando os seus textos. Carmen Becerra cualifica ao autor de “Los gozos y las sombras” como unha figura clave da literatura españ

Torrente moveuse por variados xéneros da escrita con calidade, riqueza e diversidade. Facendo un repaso pola narrativa deste ferrolán universal, a profesora de Teoría da Literatura da Universidade de Vigo discrepa da división en tres fases da obra de Torrente levada a cabo pola historiadora da Universidade de Barcelona, Alicia Jiménez. A catalana dividía en tres fases a producción narrativa do escritor: etapa realista que abrangue desde a súa primeira novela “Javier Merino” ata 1963 co título “Off.side”, unha segunda fantástica que comezaría no ano 1972 coa súa obra mestra “La saga/fuga de J.B.” e que pecharía no 1987 con “Yo no soy yo evidentemente”. A terceira etapa denominada de novelas menores, inclúen as últimas, desde o ano 1988 con “Filomeno, a mi pesar” ata a súa novela póstuma “Doménica” publicada no 1999.

Carmen Becerra, desbota esta clasificación e afonda na identidade do escritor afincado en Salamanca. Segundo a universitaria viguesa hai tres elementos básicos que son os piares nos que se asenta a literatura de Torrente. Apoiáse no cervantismo, e máis concretamente en “El Quijote”. A novela de Cervantes inflúe na producción literaria do ferrolán desde o principio ata o final. Mesmo escribe a obra de teatro denominada “Casamiento engañoso”, o mesmo título dunha novela do escritor de Alcalá de Henares. A traxectoria literaria do escritor de Serantes tamén se basea na psicoanálise. Becerra realiza unha análise da novela de Cervantes relacionandoa coa psicoanálise. O fidalgo Alonso Quijano quere ser un Quixote, un cabaleiro andante, Dulcinea non é a fermosa muller que nos presenta Don Quijote, senón que é unha porqueira á quen lle atribúe os cánones de beleza dos poetas provenzais do século XI. Un xogo complexo onde ninguén é como é, son imposturas. Torrente Ballester presenta situacións semellantes. Os seus personaxes amosan moitas facianas, un ego complexo en constante evolución. Un feito que se acentúa entre 1972 e 1987 onde o ferrolán narra as historias desde un “eu” personal que desconcerta ao lector e chega a situacións desternillantes.

O terceiro soporte no que se asenta a obra de Torrente é o coñecemento do escritor portugués Fernando Pessoa, absolutamente venerado polo literato ferrolán. O poeta luso escribía baixo catro heterónimos. Tres deles, Ricardo Reis, Alberto Caeiro e Álvaro de Campos  caracterízanse porque se sabe o seu lugar de nacemento, a súa profesión, teñen unha biografía completa elaborada por Pessoa. Do cuarto, Bernardo Soares, descóñecese todo. Carmen Becerra sinala que resulta curioso que Soares fora o autor do “Libro do desasosego”, onde aparece un personaxe atormentado que vén a ser autobiografía do escritor portugués. A influencia do poeta luso é a menos estudada na obra literaria de Torrente Ballester, subliña a profesora.

A súa obra máis laureada e, curiosamente a menos traducida, “La saga /fuga de J. B.”, presenta pegadas destas tres influencias. O personaxe, José Bastida, un home feo, horrible, pobre, miope, chega a unha cidade descoñecida. Conta cun magnífico interior e cunha brillante capacidade oratoria. Unhas características que coinciden co autor da obra, apunta Becerra. “Torrente era un exemplo de humanismo, un home cunha riqueza e precisión da linguaxe e cunha capacidade de seducción coa palabra increible, igual que o personaxe ficticio, Bastida”. Un personaxe que como Pessoa se inventa catro compañeiros cos que convrersa: un inglés, un francés, un ruso e un portugués. Bastida tamén ten unha namorada como o Quixote, Julia, que idealiza como o cabaleiro andante. Así, todo interrelaciónase. Cervantes copia o canón de beleza de Dulcinea dos poetas en lingua d´óc do século XI e Torrente converte a Julia na súa propia Dulcinea. Un retrato paródico que procede do humor, do xogo e a ironía do autor ferrolán, sen os cales non se podería entender a súa obra.

Estes puntos, son a xuízo de Carmen Becerra, a columna vertebral ou os eixes que atravesan a literatura de Gonzalo Torrente Ballester: a mestura dos elementos do querer ser e poder ser.

Cultura