As carnestolendas do Entroido

As carnestolendas do Entroido
11 de Febreiro, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

As carnes e os doces, todo excesivo, vale para o tempo previo ao xaxún. Galicia come o Entroido como debe ser.

O Entroido é a festa popular que se fai durante as Carnestolendas, nos tres dias que preceden á Coresma, que chega coa ameaza do xaxún e a abstinencia da carne. Daquela, os galegos prepáranse con xantares excesivos. Cada ano nas corredoiras das miles de aldeas da nosa terra, e todos os centros galegos do mundo, os lacóns póñense a remollo, todos están pendentes de que grelen as nabizas, pendentes andan das patacas brancas, chourizos, androllas, botelos e chanfainas, porque todos estes alimentos acompañarán o xantar. De sobremesa, filloas, orellas, freixós, flores e bicas de Entroido, chulas e flores de limón e mil lambetadas máis, rematarán coas luces apagadas e esconxuros de queimada.

Teñen sona os Entroidos do sur de Ourense, de Laza e Verín, cos peliqueiros e máscaras ancentrais. Polas terras de Vea andan os xenerais en regueifa, montados a cabalo, vestidos de abelorioscon espellos e galóns de almirante, cos bicornes emplumados e espadas de latón. Son os descendentes daqueles paisanos de uniforme que derrotaron a Napoleón e festexan o seu triunfo. En Bora, perto de Pontevedra, recolleu Fermín Bouza Brei este cantar carnavaleiro, da autoria dun canteiro, Gregorio Couto, que alude tamén aos excesos do Entroido:

"Alabado sexa Deus

Que tal teño nestas tripas,

Non sei como non rebento

Por todas as catro esquinas,

Pois non é posible crer,

O que eu comín estes dias,

Que dende onte ao mediodía

Xa comín trinta morcillas

Sen contar as carnes mortas

que tiñan as miñas fillas

Cociñadas con manteiga

Que eu aquí traio as vexigas".

En moitos concellos galegos despiden así o Entroido:

"Adeus martes de Entroido,

Adeus meu queridiño,

Ate domingo de Pascua,

Non comerei máis touciño".

En Fene, o Tadetas compuxo un himno máis doce. Este é o retrouso:

“Acabaches coas torradas

e tamén cos fereixós,

e por iso este ano,

temos que decirche adios”.

 

(Na imaxe. Cocido de Entroido na Fonsagrada. Febreiro 2020. Días antes da pandemia)

Cultura

Publica o teu comentario agora