As cartas inéditas de Ramón Piñeiro

As cartas inéditas de Ramón Piñeiro

16 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades editará un libro homenaxe ao autor, a súa obra epistolar inédita, unha exposición e dúas entrevistas. O proxecto realiza un repaso pola súa vida e pensamento filosófico, con motivo da celebración das Letras Galegas 2009, adicadas á súa figura.

Acompañada polo coordinador científico do centro, Manuel González, e o responsable do proxecto, Luís Alonso Girgado, a secretaria xeral en funcións de Política Lingüística, Marisol López, gabou a "importante contribución" a favor da normalización do galego que "fixo que gañase prestixio en diferentes ámbitos". Luís Alonso Girgado destacou a edición dun libro homenaxe "coa contribución de 13 colaboradores" entre os que se atopan profesores universitarios, politólogos, políticos e escritores --Ramón López Vázquez, Marina Mayoral, Ceferino Díaz--. Asimesmo, Manuel González destacou a exposición 'Ramón Piñeiro na lembranza. Pinturas e debuxos de Siro', na que se mostrará un monográfico de caricaturas, óleos e pinturas sobre a figura do autor baseándose nas creacións do debuxante Siro López. Outra das actuacións do Centro Ramón Piñeiro será a edición de varios epistolarios "inéditos" do autor, na que se recollerá a correspondencia ao galeguista Filgueira Valverde; outro dos libros compilará as cartas de Piñeiro ao filólogo José Luis Pensado; ou un terceiro volume, as cartas ao profesor Isidoro Millán, estudoso da lingua e da cultura galegas. Finalmente, reeditaranse dúas entrevistas nas que Piñeiro repasa a súa vida e o seu pensamento filosófico.

 

Sociedade