A Casa Habanera de Guitiriz acollerá dous cursos dos Campus de Verán da USC

A Casa Habanera de Guitiriz acollerá dous cursos dos Campus de Verán da USC

22 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A USC levará a cabo unha nova edición do seu Campus de Verán en Guitiriz ofertando dous cursos nos que se tocarán aspectos como a relación entre as paisaxes naturais e os culturais e as diferentes estratexias de xestión da auga no marco xeográfico galego. A Casa Habanera será o espazo onde se imparta esta formación que terá lugar entre o 21 e o 23 de xullo o primeiro e o 7 e 8 de setembro o segundo.

Baixo a dirección de Roxelio Pérez Moreira, o seminario “Paisaxes naturais, paisaxes culturais”, que ten 22 horas lectivas, porá enriba da mesa cuestións relacionadas coa sacralización da paisaxe, a arqueoloxía simbólica, a etnopaisaxe, as transformacións da paisaxe agraria en terras lucenses na idade moderna ou a paisaxe como figura fílmica. Neste curso participarán especialistas como Felipe-Senén López Gómez, técnico de xestión cultural e museólogo da Deputación de A Coruña, Xosé Manuel B. López Vázquez, profesor de Historia da Arte. Universidade de Santiago de Compostela, Hortensio Sobrado Correa, profesor de Historia Moderna da propia USC ou Margarita Ledo Andión, catedrática de Comunicación Audiovisual, da propia organización educativa.

O curso “Estratexias na xestión da auga: actuacións en Galicia” ten 16 horas e está programado para finais do período estival, xa que os alumnos deberán esperar ata o 7 e 8 de setembro para recibir esta formación na Casa Habanera. A dirección, compartida por Tomás  Cuesta García e Joaquín Suárez López, derivou os temas a tratar a cuestións como  a “Xestión do subministro de auga potable”, as novas estratexias de xestión sostible da auga no medio urbano, a cargo de Joaquín Suárez López, membro do Grupo de Investigación Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente na Escola de Camiños, Canais e Portos da Universidade de A Coruña; a xestión integrada dos recursos hídricos , a través da experiencia de Carlos Ameijenda Mosquera, Director Técnico do Life “Aqua-Plannproject”; a auga nas estratexias de desenvolvemento territorial: Grupos de Desenvolvemento Rural e participación, que correría a cargo de Jorge M. Blanco Ballón, Xerente Programa LEADER. Asociación de Desenvolvemento Rural “Mariñas-Betanzos”. Xa para o segundo día haberá tempo para debater cuestións como a xestión sostible da auga no Concello de Guitiriz, ou a gobernanza da auga e dos riscos.

Matrícula ata o día antes
Os cursos están abertos a todos os interesados, e poderán formalizar a matrícula por internet, de xeito presencial e por correo ordinario. O límite de prazo será ata o día anterior ao curso se se fai por internet e cinco días naturais para realizar o pago se se opta por facelo de forma presencial.

En canto ao custe, a taxa xeral será de 70 euros, salvo para os estudantes de calquera universidade ou en estudos de formación profesional, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC, que custarán 40 €.

A documentación a presentar, para os  membros da comunidade universitaria da USC (estudantes, profesores ou PAS), o número de DNI; se son doutras universidades, o orixinal ou fotocopia da folla de liquidación de taxas de matrícula no curso 2009-10 ou da de exención de taxas, da credencial de bolseiro de investigación ou do certificado do departamento de estar a realizar un mínimo de 20 horas semanais de traballo de investigación; e se se trata de persoas en paro o orixinal ou fotocopia do cartón de desemprego

Sociedade