Caseque 200 anos do globo de Betanzos

Caseque 200 anos do globo de Betanzos

16 de Agosto, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

As 12 da noite do 16 de agosto o monumental globo de papel volverá surcar os ceos de Betanzos. Renóvase así unha tradición documentada desde hai caseque 200 anos. Espéranse arredor de 50.000 persoas para contemplar o acto central das festas do San Roque.

O primeiro globo de Betanzos lanzouse o 29 de maio de 1814 para celebrar a volta ao trono do rei Fernando VII. 27 anos máis tarde xurdeu o costume de lanzar o globo o 16 de agosto coincidindo coa festividade do San Roque. A tradición conservouse grazas a Claudino Pita, quen recolleu de mozo os modelos decimonónicos, mellorounos e rematou facendo o seu propio patrón: un aerostato de papel de vinte e cinco metros de altura e cincuenta de circunferencia. Decorado con debuxos humorísticos de artistas locais, alusivos a acontecementos do ano, o globo, pendurado da barroca torre dominica, elévase na noite do 16 de agosto como unha ofrenda a San Roque, unha vez inflado con fachuzos impregnados en petroleo e aceite industrial. Poucas veces tivo o xigante percances na súa elevación. Algúns anos téñense confeccionado ata tres globos polas festas patronais: o pequeno, o mediano e o grande, que se botaban os dias 14,15 e 16, respectivamente, segundo reflexa Xesús Torres no libro "Betanzos na historia".

Sociedade