Castro de Rei, Rábade e Outeiro de Rei formarán parte do novo Plan de Transporte Metropolitano de Lugo

Castro de Rei, Rábade e Outeiro de Rei formarán parte do novo Plan de Transporte Metropolitano de Lugo

23 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Os Concellos de Castro de Rei, Rábade e Outeiro de Rei beneficiaranse da nova xestión e implantación do Transporte Metropolitano de Lugo, gracias á aprobación do seu novo Plan, que suporá un incremento dun 54% do transporte público da área de influencia da capital provincial. Estes municipios verán aumentada así a comunicación con Lugo sen incrementar as tarifas de viaxe, tendo unha maior posibilidade de optar polo servizo p&uacute

A reunión entre o director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, e a delegada territorial de Lugo, Raquel Arias, cos alcaldes de Castro, Juan José Díaz Valiño; Rábade, Francisco Xosé Fernández; e Outeiro de Rei, José Pardo, ademais dos restantes concellos implicados, casos de Friol, O Corgo, Guntín e Castroverde, contribuíu a definir as principais liñas e obxectivos deste Plan.

 

A previsión do departamento autonómico para a súa posta en marcha é o terceiro trimestre do 2010.  Concretamente, para a área de Lugo espérase que no ano 2015 -con todos os programas previstos do novo Plan- se produzan preto de 3,7 millóns de desprazamentos anuais, mentres que se este programa de mobilidade non se puxera en marcha, o número de viaxes anuais estimados sería de 2,4 millóns.

O novo Plan de Transporte Metropolitano articúlase ao redor de 4 programas. O primeiro é o Programa de Integración Tarifaria, que modificará o sistema actual pasando a un novo baseado en tarifas zonais, sen que este cambio supoña un encarecemento dos servizos cara aos usuarios. Así, cada zona estará constituída por un ou varios concellos, de tal forma que os veciños dun mesmo concello terán as mesmas tarifas para os seus desprazamentos. O procedemento para o cálculo da tarifa é moi simple e baséase no número de zonas que se atravesan nun desprazamento. Trátase dun sistema contrastado e que está en funcionamento en territorios de características polinucleares como o de Galicia.

As bonificacións en cada billete son cofinanciadas polas diferentes administracións, polo que unha viaxe metropolitana é financiada nun 80% pola Xunta de Galicia e o 20% restante polos concellos orixe e destino (salvo no caso de que un deles sexa o concello cabeceira ou principal de cada área) ou as viaxes urbanas nos concellos cabeceira son financiados ao 100% por devanditos municipios.

O segundo é o Programa de Integración Física, cuxo obxectivo é incrementar a competitividade do transporte público mellorando a conexión das redes urbana e metropolitana. Para iso, implantaranse novos percorridos, puntos de parada e intercambiadores dentro da cidade, como serán os casos de Lugo con Castro, Rábade e Outeiro de Rei.

O Programa de Incremento da Oferta persegue a mellora da cobertura do sistema de transporte a través da implantación de novos servizos ou intensificando outros xa existentes. Os novos servizos xorden a petición dos concellos, tratándose dun programa voluntario. Estes novos servizos son catalogados como Servizos de Interese Municipal e Servizos de Interese Metropolitano. No caso dos primeiros son aquelas liñas cuxa funcionalidade principal é a de atender demandas de mobilidade dentro dun concello. O déficit destes servizos é soportado ao 100% polo concello que os solicita; mentres que os Servizos de Interese Metropolitano, son liñas cuxa funcionalidade principal é a de atender fluxos metropolitanos, que afecten a varios concellos. O déficit destes servizos é soportado nun 80% pola Xunta de Galicia e o 20% restante entre os concellos solicitantes.

O último dos programas do Plan de Transporte Metropolitano é o Programa de Información e Infraestrutura. O seu obxectivo é renovar e modernizar a infraestrutura e imaxe do sistema de transporte público así como tamén mellorar a información dispoñible para o usuario.

A administración galega aportará no vindeiro ano máis de 185.000 euros para os programas de integración tarifaria e mellora da oferta e 200.000 euros para a mellora de marquesiñas e postes de parada, dous programas previstos para a área de Transporte Metropolitano de Lugo.

Sociedade