Catro anos perdidos

O PSOE de Fene traballa no programa electoral pero aínda non deu a coñecer a súa candidatura.
29 de Marzo, 2019 - 12:54 h. | Publicada por Radio Fene

O voceiro municipal socialista de Fene, Antón Noceda, di que Fene perdeu os catro últimos anos entre tripartitos e bipartitos e moción de censura polo medio. Afirma que o 40% das obras que habían de facerse, non se fixeron.

ESCOITA O PODCAST:

“Desafortunados e perdidos” Con eses dous adxectivos calificou o edil socialista de Fene, Antón Noceda, os catro últimos anos de mandato municipal. Catro anos que se abrían coa alcaldía para o BNG dentro dun goberno tripartito que completaban PSOE e Somos Fene. Rompeu ao cabo dun ano, coa expulsión dos dous socios quedando dous anos de goberno nacionalista co ingreso de EU. Despois dunha moción de censura asinada por PP e Somos Fene ao goberno de Juventino Trigo, os últimos meses foron e son estas dúas forzas as que teñen a tixola polo mango. De retroceso insistiu Noceda en calificar a peripecia vivida en Fene dende as últimas eleccións de maio do 2015.

O edil socialista non puido de momento anunciar quen será o seu candidato ou candidata á alcaldía de Fene. É cuestión de dias que se dea a coñecer. O portavoz socialista afirmou con rotundidade que Fene ten recursos suficientes para que os seus veciños e veciñas non teñan falta de casa, comida, becas, etcétera. E ese debe ser o primeiro obxectivo dun programa electoral, garantir os dereitos básicos da xente. Despois veñen as obras pendentes de executar, segundo Antón Noceda, entre o 30 e o 40%. E citou o paso do tren en Perlío, Fondomar, o Transporte entre parroquias ou un espazo para a Cultura no que se poidan ver espectáculos de danza, musica ou teatro.

O PSOE, sentenciou Noceda, defende un Servizo Público de Auga. E engadiu que de nada vale coincidir, se non se pon o empeño en facer as cousas, en referencia ao retraso que leva Fene para definir un modelo de xestión da auga, unha vez que rematou a consesión a Viaqua.

Institucional

Publica o teu comentario agora