CCOO pide un xulgado de violencia de xénero para Ferrol

CCOO pide un xulgado de violencia de xénero para Ferrol

25 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Perto de 6.000 mulleres galegas presentaron denuncias por malos tratos e arredor de 1500 solicitaron ordes de protección en Galiza ó longo do ano 2008. Os datos despréndense do informe “Análise dos equipamentos e recursos de atención á violencia de xénero en Galiza” presentado onte polo sindicato nacional de Comisións Obreiras.

No informe presentado pola central sindical constátase a evidente falta de xulgados específicos de violencia de xénero que só existen nas cidades de A Coruña e Vigo. Segundo relatou esta mañá a radiofusión  a secretaria de CCOO-Galiza, Mª Xesús García Raposo, consideran que é necesario ampliar o número de xulgados ás cinco grandes cidades galegas para mellorar a atención a este tipo de demandas. O conxunto poblacional da comarca de Ferrolterra sobrepasa na actualidade os 200.000 habitantes polo que os medios de atención ás mulleres resultan insuficientes. 

Outra das reclamacións recollidas na análise fai referencia ó número de prazas en casas de acollida e pisos tutelados que ascende na actualidade a 100 prazas na comunidade galega. CCOO considera este número insuficiente, tendo en conta que se trata de prazas individuais que non teñen en conta os fillos que cada muller poida ter, polo que o número redúcese ás veces á metade. Deste xeito solicitan tamén a creación dunha rede de prazas municipais para atender ás mulleres con necesidades específicas ou en risco de exclusión social que en moitos dos casos quedan sen cobertura pola escaseza de recursos. Mª Xesús García apuntou como exemplo desta falla de recursos o feito das cidades de Santiago de Compostela e Pontevedra onde agora mesmo non hai ningún equipamento residencial porque os centros que había pecharon.

Sobre as conclusión do estudo presentado por CCOO a Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta, Marta González, manifestou a súa discrepancia, sinalando que eses datos “non se corresponden en absoluto cos que manexa o seu departamento e que son os oficiais”. Marta González afirmou ó respecto que “a rede de centros que existe na comunidade autónoma polo de agora revélase como suficiente posto que o número de persoas que precisan de acollida nestes centros é cada vez máis pequeño”. No que se refire á creación de novos xulgados de violencia de xénero a secretaria de igualdade sinalou que será o goberno do estado que teña que decidir o establecemento de novos xulgados en base ao número de expedientes que existan neste campo.

Sociedade