Cedeira acolle esta fin de semana a súa cuarta Feira das Meigas

Cedeira acolle esta fin de semana a súa cuarta Feira das Meigas

29 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O mercado de artesanía é o elemento central deste evento que o Concello arroupa con distintas representacións teatrais, espectáculos de clown, maxia e concertos.

A Feira das Meigas de Cedeira naceu co obxectivo de fomentar o traballo dos artesáns da zona. Segundo o traballador do departamento municipal de Cultura, Henrique Vázquez, “trátase dunha festa de grande atractivo turístico e cunha compoñente lúdica moi importante”.

Ao redor de corenta e cinco postos de artesanía se instalarán dende o venres ao domingo desta semana na Praza da Revolta, en pleno Camiño Real da Magdalena. De todos os xeitos, segundo Henrique Vázquez, ademais da exposición e venda de productos de artesanía, a Feira das Meigas de Cedeira adoita incorporar todos os anos ao seu programa distintas actividades que a diferencian doutros mercados medievais ou de época que se organizan pola zona. Neste senso, o primeiro día (o venres), ao redor das dez e media da noite, está previsto que se presente un espectáculo de creación propia, “María Soliña” que foi ideado e producido por varias asociación do termo municipal.

Na mañá do sábado, os paiasos Tul e Pum serán os encargados de animar aos nenos e nenas que pasen pola Praza da Revolta. Xa pola tarde, e como pratos fortes da xornada, anúnciase a presentación do espectáculo “A maxia da Santa Compaña”, do Mago Teto, e un concerto do grupo Berrogüeto.

A Feira das Meigas de Cedeira concluirá o domingo e tamén ese día haberá actividades paralelas ao mercado de artesanía. Pola mañá, ao redor das doce e media, actuará a Banda Municipal de Música de Cedeira e pola tarde, a partir das oito, haberá unha representarase do espectáculo de danza e teatro “As mil caras das feiticeiras”.

Sociedade