Celebración da Constitución

Fene celebra mañá dia 6 a Carta Magna.
05 de Decembro, 2019 - 12:46 h. | Publicada por Radio Fene

Os grupos da oposición deixan so ao PP no acto institucional da Constitución que se celebra mañá no salón de plenos do concello de Fene, ás 12:00h.

Mañá é 6 de decembro, Día da Constitución, día festivo, o que provoca a ponte e a fín de semana máis longa antes do Nadal. Os grupos da oposición deixarán so ao PP de Fene no acto institucional da Constitución. O salón de plenos do concello de Fene, que esta tarde acollerá o pleno ordinario de decembro, acolle mañá o acto institucional de conmemoración da Carta Magna, ás 12 da mañá. Non haberá ningún persoeiro de fora convidado. Por non haber nin haberá portavoces do PSOE, nin de EU nin do BNG. Así que o acto quedará algo coxo coa única presencia do PP e dos cidadáns que desexen acudir porque sempre foi un acto aberto á cidadanía.

O BNG nunca asistiu ao acto da Constitución en Fene. EU nos últimos anos tampouco, pero o PSOE sempre celebrou a Carta Magna. Semella que nesta ocasión os socialistas queren castigar ao alcalde de Fene despois de pedir esta tarde no pleno a súa dimisión. A pesar das ausencias, o alcalde de Fene, Gumersindo Galego, emitiu un comunicado anunciando o acto institucional que terá lugar a partires das 12 horas no salón de plenos da casa consistorial. O Concello convida a veciños e veciñas a sumarse á celebración do aniversario da Carta Magna. O acto contará cunha actuación musical e as intervencións institucionais. Ao remate, veciñas e veciños poderán compartir un viño no consistorio.

(Na imaxe, a árbore de Nadal que xa adorna a entrada da casa do do concello de Fene)

Institucional

Publica o teu comentario agora