Cen anos

Cen anos
25 de Xullo, 2020 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

As Irmandades da Fala celebraron por primeira vez en 1920 o 25 de xullo como Dia de Galicia ou Dia da Patria Galega. Pouco tempo despois en 1921, Castelao ao pasear por Berlín, anota no seu diario de viaxe: "Eiquí ao mellor aparece enriba dunha letra vermella e inmensa un paxaro azul e neste pequeno detalle hai arte. Cada letra é un monumento". Destacao Pepe Barro (Máis que ver. Cen historias de deseño na Galiza. Xerais, 2018) para poñer o acento na requintada modernidade dos galeguistas á altura dos "felices anos vinte". 

Dia da Patria Galega. Fene. 2020

“Galiza, a patria grande, a patria sen máis, ou mellor a nación, o anaco territorial en que a uniformidade de costumes, lingua, accidentes xeográficos e clima é un feito tanxible e real, o que é a patria natural, a nación propiamente dita”. Son palabras de Ramón Vilar Ponte, un dos promotores das Irmandades da Fala, a entidade que acordou celebrar o 25 de xullo como Dia de Galicia. Festexouse por primeira vez en 1920. A Irmandade dos Amigos da Fala da Coruña creouse o 18 de maio de 1916 nunha reunión na Real Academia Galega da Coruña. E entidade pretendia promover o prestixio do idioma galego e reorganizar o galeguismo. Propugnan un nacionalismo ideoloxicamente avanzado, que se situe na ponta de lanza da loita por unha democracia auténtica, sen caciquismo nen corruptelas.

Patria e matria

Feminismo e nacionalismo galego coinciden en utilizar o neoloxismo matria para referirse á nacionalidade. Virxina Woolf, Isabel Allende, pero tamén Xosémaría Pérez Parallé escollen o término en feminino para referirse á propia terra do nacemento e do sentimento.

"Saúde e canta o paspallás" 

Con estas verbas, a ceramista fenesa Carme Romero rematou onte á tarde a lectura da declaración institucional do Día da Patria Galega, rememorando aqueles anos nos que "rematando a guerra do 36, o ser galeguista era tan perseguido que un grupo de amigos entre os que se atopaba Pérez Parallé", para se reunir empregaban como contrasinal "Saúde e canta o paspallás". 

Durante a súa intervención, a impulsora da Escola de Cerámica do Muíño do río Va (Maniños), serviuse das súas experiencias vitais e profesionais para reivindicar o noso patrimonio material e inmaterial e, particularmente, a nosa lingua, "esta lingua tan fermosa, chea de palabras e verbas que definen con perfección todo o que teño ó meu arredor, o traballo, os meus sentimentos, as lembranzas, a natureza que me rodea, o que vivo". 

Pero ademais, "Carme a galega" (como a coñecían durante os anos que pasou fóra de Galiza) falou dos seus anceios: "Gústame imaxinar o meu país cheo de mulleres, doces, fortes, valentes, traballadoras, meigas, sabias e boas. Figúroas defendendo esta natureza tan fermosa que temos. Pénsoas en soutos, carballeiras, en campos de millo un ano e ao seguinte de trigo. Libres, felices, cheas de cores buscándose nas miradas, sen muros que escondan e destrúan a redondez da nosa terra e a nosa paisaxe. Gardando con celo as pequenas grandes cousas que nos fan ser como somos". 

O acto, que tivo lugar a carón do "Monumento 25 de xullo. Día da Patria Galega", estivo presidido polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, quen fixo referencia á conmemoración neste 2020 do centenario do Día da Patria Galega, "unha efeméride que ao longo dos anos convertemos nunha xornada de festa e reivindicación na que o pobo galego con identidade propia, con lingua de seu, co noso himno e bandeira reforza e se reafirma nestes símbolos que expresan a nosa vontade colectiva como nación". 

Ademais, Trigo reivindicou, como plenamente vixentes, os principios da Xeración Nós, "a necesidade de ter voz propia no mundo e dunhas institucións ao servizo das maiorías sociais, que sexan fiel reflexo da plena soberanía do pobo galego para poder decidir sobre o que afecta ás nosas vidas". 

Membros da Corporación de Fene e numerosos cidadáns participaron tamén no acto que tivo lugar onte á  tarde no "Monumento 25 de xullo. Día da Patria Galega", no Parque Liñal do río Cádavo, e que concluíu coa interpretación do Himno Galego a cargo dun grupo da Banda de Gaitas Airiños de Fene. 

Sociedade