Centieiras actuóu rápido ante un caso de contaxio

O protocolo funciounou e de momento non hai novos síntomas
19 de Outubro, 2020 - 03:21 h. | Publicada por Radio Fene

Un neno contaxiado de Covid19 obrigou a confinar á profesora e aos seus compañeiros de aula na casa durante unha semana.

Un positivo en coronavirus no ceip Centieiras de Perlío sorprendeu á comunidade educativa esta fin de semana. Un alumno contaxiouse fora do centro e, como consecuencia, a súa clase e a súa titora deben permanecer confinados nos seus domicilios durante unha semana. A profesora e 13 escolares manterán as clases online durante este período. A directora de Centieiras, Iria González, quere tranquilizar a toda a comunidade educativa do colexio público de Perlío porque as cousas fixéronse ben, tal e como establece o protocolo para estes casos. Explícanos que, ao coñecerse o sábado este caso positivo comunicado pola propia familia, os servizos sanitarios comezaron o rastrexo onte ás 10 da mañá, coa colaboración do centro. As mesmas autoridades decidiron proceder ao confinamento dos compañeiros e compañeiras de aula do neno afectado.

“De momento non hai ninguén do grupo con síntomas” informa a directora de Centieiras. As clases continuarán no resto dos cursos, mentres os 13 confinados seguirán as clases desde a casa coa estreita atención da súa titora. E se dentro dunha semana segue sen producirse ningún contaxio novo, os confinados poderán volver ao centro o próximo luns. Iria González pasou a fin de semana poñéndose en contacto con todas as familias, unha por unha, informándoas da situación e tranquilizándoas porque sabe que a xente ten medo. “Non axuda nada que nas redes sociais se propaguen novas como esta contribuíndo a alarmar á xente máis do debido” advertiu a directora.

 

Imaxe de arquivo de Iria González, directora do ceip Centieiras.

Sociedade

Publica o teu comentario agora