Centos de tractores ocupan Lugo en defensa do sector lácteo

Centos de tractores ocupan Lugo en defensa do sector lácteo

17 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Centos de tractores saíron da Terra Chá con dirección a Lugo para reclamar unha saída para a actual crise do sector lácteo. Desde as localidades de Vilalba, Guitiriz, Cospeito e Xermade, os gandeiros tomaron a LU-541 ata Rábade para logo circular pola N-VI ata chegar ás rúas de Lugo e rematar na explanada multiusos da capital provincial. Foi alí onde os representantes do Sindicato Labrego Galego (SLG), plataforma organizadora da protesta

Desde o SLG se pide un maior apoio dos poderes públicos para un sector que está a pasar por un “momento crítico”. Outras das reclamacións foron a non desaparición do control da produción, xa que isto suporía “un paso mais para o peche das explotacións”. O prezo do leite tamén estivo no centro da protesta, pois se valoran como escasos os actuais prezos polo litro de leite en orixe e se  considera indispensable un “prezo mínimo referencial”.

 

Tamén rexeitaron as medidas adoptadas pola Consellería de Medio Rural para axudar ao sector e pediron igualdade de trato  e axudas directas como sucedeu con outros sectores afectados pola crise económica, como o caso da Banca ou o da automoción.

 

Lupe Prado, responsable do sector leiteiro do SLG amosouse “moi satisfeita coa resposta dos gandeiros lucenses”, xa que, na súa opinión, “demostraron que a xente quere loitar por salvar ao sector do mal momento que estamos a vivir, que está disposta a reivindicar o que é seu”. Para Prado, esta mobilización estaba “xustificada pola razón que nos moveu e que é moi forte”. De seguido, a responsable labrega pediu á administración maior atención, e non descartou mais accións de presión se a situación non muda. “Seguiremos a loitar, porque se non o facemos nós, non o fará ninguén. Xa é hora de que a administración nos faga un pouco de caso e, despois do resultado de hoxe, seguiremos a mais se isto non sucede”.

Sociedade