Centros de Guitiriz e Burela gañaron o Concurso Letras Galegas 2014

Centros de Guitiriz e Burela gañaron o Concurso Letras Galegas 2014

27 de Febreiro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

O CEIP Plurilingüe Lagostelle de Guitiriz e o IES Perdouro de Burela resultaron gañadores, baixo as categorías de centros de educación infantil e primaria e de centros de educación secundaria e bacharelato, formación profesional e ensinanzas especiais, respectivamente, do Concurso-Exposición Letras Galegas 2014, da Secretaría Xeral de Política Lingüística para promover o coñecemento de Xosé María Día

Deste xeito, as dúas coleccións de 10 carteis que conformarán cadansúa mostra gañadora -“Esmeralda” -do CEIP Plurilingüe Lagostelle- e “Sombras radiantes” -do IES Perdouro- imprimiranse e distribuiranse, acompañadas guías didácticas explicativas, para fomentar o achegamento do alumnado a Díaz Castro e á súa obra. Os grupos de traballo que participaron na súa confección recibirán ademais un premio en metálico por importe de 2.500 euros cada un.

A figura de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, chegará, da man da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, aos centros de ensino, aos centros de estudos galegos, aos centros da emigración, aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia e ás bibliotecas de preto de 2.000 puntos de Galicia e do exterior. 

O espazo http://www.xunta.es/linguagalega/letras_galegas, habilitado no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística, recompila xa un bo número de materiais, actividades e outras ferramentas confeccionadas desde os EDLG para dar a coñecer e homenaxear de maneira particular o poeta guitiricense elixido pola Real Academia Galega como autor das Letras Galegas 2014.

Esta escolma de referencia para os centros de ensino irase fornecendo durante as vindeiras semanas de novos materiais, entre os que cabe destacar a próxima posta a disposición da comunidade educativa galega do documental “Xosé María Díaz Castro. Nimbos de Luz”, unha viaxe pola vida e obra do autor, que ten o valor engadido de facerse da man do propio poeta, pois é el mesmo quen guía o espectador polos lugares da súa infancia e da súa mocidade. Trátase dunha peza audiovisual gravada en 1987 e remasterizada para celebrar o Día das Letras Galegas 2014 que a Secretaría Xeral de Política Lingüística ofrecerá en aberto desde a rede.
 

 

Sociedade