Chévere volve á Nasa con Testosterona e somete a reflexión a masculinidade e a feminidade

Chévere volve á Nasa con Testosterona e somete a reflexión a masculinidade e a feminidade

12 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O novo espectáculo de Chévere, Testosterona atinxe conceptos como a identidade e a construción do xénero ata chegar á conclusión de que a masculinidade, como a feminidade, son o resultado dunha construción socio-cultural, como comentou en Radiofusión o seu director, Xesús Ron. A montaxe de Testosterona está protagonizada polas ac

Unha obra de teatro que cuestiona a división normativa da sociedade en dous sexos e formula a posibilidade dun xénero modificable e flexible. Ciencia, hormonas, leis, armarios, tecnoloxía, educación, natureza, industria, cultura, capital, rock’n’roll, política..., todo se confabula para artellar esta peculiar ditadura de xénero que nos domina. Testosterona é un exorcismo emancipatorio e teatral que se serve tanto da música en directo, a performance, o transformismo, a comedia, o naturalismo, o vídeo ou o melodrama, como do silencio, a pouca luz ou a simple blasfemia.

Na obra tamén participan Carlos Alonso (escenografía, atrezzo), Xacobe Martínez Antelo (banda sonora), Fanny Bello (caracterización), Juancho Gianzo (produción), Fidel Vázquez (iluminación), Hevi (son), Patricia Falchi (vídeos), Ana Pintos (foto), Adriana Tubío (administración, distribución) e Fausto Isorna (deseño gráfico).

O proxecto púxose en marcha no mes de xullo de 2008. Durante os meses de xullo, agosto e setembro desenvolveuse unha primeira fase de traballo na Sala Nasa de Santiago de Compostela. Como resultado deste traballo xurdiron dous produtos asociados. Un deles é este espectáculo de teatro que leva por título Testosterona. O outro é un obradoiro para-teatral dirixido a mulleres que leva por título Ser home por un día, e que xa se está realizando en distintos puntos de Galicia.

As entradas para ver esta peza teatral custan 7 euros para estudantes, parados e na venda anticipada e 9 euros na billeteira da Sala Nasa o día da función. O día do espectador, o domingo, o prezo é de 5 euros.

Cultura