Chega San Froilán, a gran verbena galega

Chega San Froilán, a gran verbena galega

02 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Unha cata comentada e a actuación ás oito da tarde na praza de Santa María de Kike Ganso, Kimuru e Josele Santiago. E o programa desta xornada de sábado para unhas festas de San Froilán que comezarán de xeito oficial o vindeiro luns dia 4 de outubro.

A concelleira de Cultura informou que o San Froilán inclúe este ano “18 concertos nos que contaremos con 31 grupos e só un, o de Joaquín Sabina, será de pago”. Tamén actuarán 11 orquestras, bandas, charangas e haberá outras moitas actividades como tres exposicións, a dos traxes de Ágora, As Cores da historia e a da Memoria da historia que consta de fotografías antigas de Lugo dixitalizadas.

Ademais Nuria Mundiña animou a lucenses e forasteiros a desfrutar da festa e dixo que “este ano teremos as 10 portas abertas máis ca nunca”, en alusión ó décimo aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio Mundial.

Da apertura das portas da Muralla encargaranse este ano estudosos e investigadores. Ademais terá lugar a representación de dous dos milagres de San Froilán, a cargo de Pepe Fontal, o día 4 e o día 12, e tamén haberá unha exposición de maquinaria agrícola clásica o día 9 no tramo peonil da Ronda da Muralla.

Outra novidade do San Froilán 2010 é a unificación do son do recinto feiral. Polas mañás soará música infantil, pola tarde xuvenil e pola noite de discoteca. Ademais, a empresa que se encargará deste servizo estará en contacto cos servizos de Protección Civil por se fora necesario anunciar a perda dalgún pequeno ou calquera tipo de incidencia susceptible de comunicar pola megafonía.

O programa

As festas abriranse oficialmente o día 4 de outubro. Ás 19.30 terá lugar a representación dunha das miragres de San Froilán na Praza Maior. A continuación, ás 20.00 terá lugar a lectura do pregón que estará a cargo do xornalista Francisco Rivera Cela. Para esa noite está programado un concerto da Orquestra Platería, ás 21.30, na praza de Santa María e a partir da medianoite haberá unha verbena coa Orquestra Poceiro.

O programa das festas inclúe, entre outras actuacións, as de Concha Buika, o mesmo día de San Froilán, o 5 de outubro, data na que tamén terá lugar a ofrenda ó patrón da cidade; o Certame de Bandas, que terá lugar o día 6; Los Gofiones e Pignoise que actuarán o día 7; Juan Perro e Placebo, esta última actuación organizada polo Xacobeo co que colabora o Concello que se fará cargo da produción do espectáculo, o día 8; o Domingo das Mozas actuará Fórmula V e Helena Villar Janeiro fará a ofrenda a Rosalía e haberá actuacións de grupos de música tradicional; para o día 11, data na que se celebrará o Día do Ferrol, está previsto o único concerto de pago, o de Joaquín Sabina, que actuará no Pazo Universitario e xa só quedan unhas 2.100 entradas. As festas rematarán o día 12 cun espectáculo de Nova Galega de Danza e unha verbena a cargo da orquestra Los Satélites.

Aínda que a apertura oficial do San Froilán terá lugar o día 4, xa haberá actividades deportivas desde esta fin de semana. Onte abriron as casetas do polbo e na praza de Santa María actuaron  Iván,  Josito, Ian e Dorian. Mañá domingo 3 de outubro está programada a actuación de Batital e Kibitka na praza de Santa María, ás 20.00.

O San Froilán deportivo

Durante o San Froilán tamén haberá numerosas actividades deportivas. O Concelleiro de Deportes e Turismo, José Manuel Díaz Grandío, explicou que “o deporte sempre formou parte do San Froilán e este ano están programadas 28 actividades deportivas de 24 modalidades nas que está prevista a participación de 3.000 deportistas o que tamén suporá unha boa contribución a que haxa moito ambiente na cidade”.
Díaz Grandío informou ademais de que este ano están previstas seis actividades novas como a primeira edición do Torneo de tenis de mesa ou un campionato de Dardos.

50.000 programas

A Concellería de Cultura editou 50.000 exemplares do programa oficial das festas que se distribúen nas dependencias municipais. Tamén se pode consultar na páxina web do Concello www.lugo.es.

Sociedade