A chegada á Universidade

A chegada á Universidade
22 de Xaneiro, 2021 - 10:52 h. | Publicada por Radio Fene

Carvalho Calero entra na Universidade de Santiago en 1965 cumprindo o seu soño. A primeira aportación á súa Cátedra de Lingua e Literatura galegas foi a "Gramática elemental del Gallego común".

ESCOITA O PODCAST:

Ricardo Carvalho Calero entra na Universidade de Santiago de Compostela no ano 1965 como un simple profesor contratado, en condicións precarias. Era profesor por oposición de instituto en Santiago pero mantiña o seu traballo no colexio Fingoy de Lugo desde onde viaxaba semanalmente a Compostela. Carvalho comezou na Universidade un traballo importantísimo, en palabras de Martinho Montero. Era a primeira vez que se poñía en marcha a cátedra de Lingua e Literatura galegas. “O seu alumnado daqueles anos lembra con moito cariño aquelas clases”. Persoalmente Carvalho Calero empezou a coller prestixio polos estudos que levou a cabo.

Neste tempo ve a luz a súa “Gramática Elemental del Gallego Común” unha obra pola que agardaba todo o mundo. “ Foi un acontecemento moi importante, apunta Montero, porque se precisaba unha gramática digna neste momento”. Acolleuse con grande alborozo, de tal xeito que a primeira edición esgotouse axiña. Carvalho tamén será redactor en 1970 das “Normas ortográficas e morfolóxicas do Galego” publicadas pola Real Academia Galega. Isto ve a luz nun momento no que había un debate teórico sobre do que tiña que ser o galego. Explica Martinho Montero que non serán aínda as normas que no futuro predicarán un galego máis lusófono, aínda así Carvalho introduce algunha novidade para a época como foi o plural en “ais”. Afirma Montero que isto supuxo toda unha revolución, porque na fala non se usaba. “Foi un dos símbolos da intención futura para unha normativa galego- portuguesa”.

Cultura

Publica o teu comentario agora