A CIG reclama máis presión fiscal sobre as grandes fortunas

A CIG reclama máis presión fiscal sobre as grandes fortunas

24 de Agosto, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A CIG cualifica como “altamente negativas” as medidas que pretende aprobar o Executivo no Consello de Ministros do próximo venres. Medidas que o secretario xeral, Suso Seixo, considera que van na liña do xa aprobado na reforma laboral e que pretenden unicamente “facilitar o despedimento, proporcionar ás empresas man de obra barata” e que denotan a “intencionalidade e a ideoloxía neoliberal do goberno”.

Segundo o anunciado por diferentes medios de comunicación, o goberno pretende eliminar a obrigatoriedade de converter en fixos aos traballadores con varios contratos temporais durante 24 meses, nun período de 30, e prolongar até os 30 anos os contratos en formación. Medidas que, para Seixo, lonxe de fomentar a creación de emprego e de calidade,  favorecerán unicamente o “incremento da marxe de beneficios empresariais a custo de clase traballadora”.

Para Seixo non é casual o feito de que se fomenten precisamente o tipo de modalidades de contratación onde se produce unha enorme fraude como é o caso da contratación a tempo parcial e nos contratos en formación. “Fraude que se dá ao non existir control algún sobre o tipo de xornada que se fai, permitindo os abusos da patronal ao facer os traballadores/as moitas máis horas de traballo efectivo do que realmente figura no seu contrato, que non son remuneradas nin se cotiza por elas nin á Seguridade Social nin a Facenda”, afirma.

O secretario xeral da CIG denuncia que fronte a isto, unha vez máis “evítase adoptar medidas contra o capital financeiro, verdadeiro responsábel da crise económica”, o que evidencia a actitude do PSOE de “venda total aos intereses da banca e das grandes empresas multinacionais”. Por iso, cualifica de “covarde” á socialdemocracia española e europea por pregarse ás exixencias da oligarquía financeira e aos ditados da dereita alemá e francesa.

Alén diso, cuestiona a aprobación, cada pouco tempo, por parte do goberno español de novas medidas, algunha delas corrixindo as aprobadas en meses anteriores, o que “demostra a improvisación, a falla dun programa real fronte a crise, e a submisión aos ditados financeiros.”

Presión fiscal sobre grandes fortunas
Respecto da posibilidade de que se incremente tamén a presión fiscal ás grandes fortunas o secretario xeral da CIG afirma que “o que se lles ten que exixir é que paguen o que lles corresponde, igual que fan os traballadores e traballadoras” e denuncia que “é precisamente nesas grandes fortunas onde se dá unha maior fraude fiscal a través de evasión de impostos en paraísos fiscais”.

Seixo considera “esperpéntico” que as grandes fortunas francesas e estadounidenses sexan quen pidan pagar máis e que Salgado afirme que o goberno non recibiu ningunha carta das españolas nese mesmo sentido. “É unha hipocrisía, tampouco lles preguntaron aos traballadores/as se querían cobrar menos ou ver recortados os seus dereitos”.

Eleccións xerais
Sobre a inminente convocatoria electoral, o secretario xeral da CIG aconsella aos candidatos do PP e do PSOE que se presenten directamente nas eleccións alemás ou francesas,  se van continuar gobernando en función do que digan os mandatarios destes países e lembra que hai outras organizacións que veñen manifestando a súa oposición ás políticas do goberno e que defenden alternativas, como as que ten presentado a CIG, que van pola vía contraria. “É imprescindíbel aproveitar as eleccións do 20-N para mudar a correlación de forzas no Parlamento español en favor, no caso de Galiza, do nacionalismo galego que está a defender outras medidas económicas e outro modelo económico e social”.

Fixar topes ao déficit
Con respecto á reforma da Constitución Española para que quede fixado na mesma o nivel de déficit e de gasto público ao que pode recorrer o estado, a CIG insiste no rexeitamento xa manifestado á devandita medida.

En contra de como se quere presentar á opinión pública, Seixo afirma que “non se trata dunha medida de carácter técnico senón dunha medida cun fondo contido ideolóxico, promovida por aquelas forzas políticas e económicas que, baixo presupostos neoliberais, buscan limitar e atar aínda máis ao Estado na súa intervención nas políticas económicas e sociais, e por extensión, no caso do  Estado Español, reducir a autonomía financeira das Comunidades Autónomas”.

Neste último caso, o secretario xeral da CIG salienta que ten o “agravante de que son as Comunidades Autónomas as que teñen transferida boa parte da responsabilidade en materia de servizos como o ensino, a saúde e os servizos sociais”. A iso engade que “para maior irracionalidade, promóvese esta medida nunha Europa na que non é homologábel, entre os diferentes estados que a integran, o nivel do gasto social e de desenvolvemento do Estado do Benestar, o que pon de manifesto o carácter inxusto e antisocial desa decisión por parte do PSOE  e do PP”.

Sociedade