"Coidadora" de María Marco Premio Xerais de Novela 2020

"Coidadora" de María Marco, Premio Xerais de Novela 2020
18 de Decembro, 2020 - 12:34 h. | Publicada por Radio Fene

A novela «Coidadora» de María Marco acadou o Premio Xerais de Novela 2020, segundo anunciou a editorial este mediodia. O volume aborda un tema de actualidade como é o das coidadoras e faino desde a perspectiva de alguén que coñece ben esa profesión de maneira que é quen de meternos na pel das persoas que o desempeñan, facéndonos partícipe da angustia que, en ocasións, provoca este traballo. Edicións Xerais  outorgou outros dous premios, o Merlín e o Jules Verne a: "A folla azul" de Andrea Maceiras  e a "santoamaro" de Antonio Manuel Fraga . Todos eles están dotados con 10.000€. Os libros gañadores dos tres premios chegarán ás librarías no mes de abril de 2021.

O xurado da XXXVII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 54 obras, formado por: Noa Moreira (poeta), Carlos Coira (libreiro), Alberto Cifuentes(profesor), Sara Vila Alonso (xornalista), Iria Pedreira Sanjurjo (filóloga e tradutora) e Ramón Nicolás (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: "As cerdeiras", "Batemos na porta do mundo"e "Por mín e por todalas compañeiras". Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema "Por min e por tódalas compañeiras" que, despois de aberta a plica, resultou ser de María Marco Covelo e corresponde ao título "Coidadora".

O xurado salienta desta obra, a inclusión de focos temáticos vinculados coa ciencia, o lirismo que agroma que en moitas das súas páxinas e a existencia de distintos niveis de lectura da mesma, sen esquecer o feito de que a proposta configura unha lectora, un lector, activo e interveniente e, en xeral, ofrece un traballo literario pouco convencional e arriscado. Por último, o xurado quere destacar o desenvolvemento dun rico tecido simbólico e o excelente pulso narrativo que exhibe no que entende como unha novela orixinal e suxestiva. Unha novela distinta, atrevida, capaz de dialogar cos problemas da sociedade actual, que dará moito que falar.

A premiada: María Marco Covelo (Vigo, 1979) é licenciada en Humanidades e doutora sobresaínte cum laude en Belas Artes cunha tese sobre o retorno da textualidade na práctica artística contemporánea. Actualmente compaxina a crítica de arte co comisariado de exposicións colaborando habitualmente no suplemento El Cultural do xornal El Mundo e na revista Tempos Novos, entre outros. Desenvolveu a maior parte da súa vida profesional fóra de Galicia, de onde tivo que marchar con tres anos, vivindo en diferentes cidades e países, entre eles os Estados Unidos, e á que retornou recentemente para centrarse máis en profundidade na escrita. María Marco Covelo declarou: Gañar o XXXVII Premio Xerais de Novela é, sen dúbida, unha grande honra, pero cando o gañas coa túa primeira novela convértese no inicio dun camiño novo e excitante por explorar. Tamén dá un pouco de vertixe, mais sobre todo dáme forzas para seguir investigando nas entrañas da miña escrita para continuar a alimentala e que floreza máis forte e máis bela. Quero agradecer ao xurado que apostase -por unanimidade!- por esta historia radical e chea de matices, de capas, de fragmentos das diversas realidades e tempos aos que se enfronta unha coidadora. Só podo engadir que moitas grazas por este momento de felicidade inesquecible.

Premio Jules Verne

O gañador do Jules Verne de Litearatura Xuvenil, Antonio Manuel Fraga Allegue (Pontedeume, 1976) estudou Enxeñaría Técnica Industrial en Ferrol. Dende o 2006 vive na Coruña, cidade na que traballou na refinaría de petróleo. Viviu despois en Alcañiz (Teruel) e no inverno de 2010 trasladouse a Romanía, onde participou na construción dun parque eólico. Tras o seu regreso da emigración, comezou a escribir. Gaña o Premio Merlín de Literatura Infantil 2013 con «O Castañeiro de Abril». Dende entón publicou en Xerais «Tartarus» (2016), na colección Fóra de Xogo, e «Escaquis e Romeu» (2018) na colección Sopa de Libros.

Premio Merlín 2020

Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) é licenciada en Filoloxía Galega e Hispánica. A súa primeira novela xuvenil, «Proxecto Bolboreta», foi publicada na colección Fóra de Xogo en Xerais no ano 2007 como obra gañadora do I Certame de Micronovela do Concello de Soutomaior. En 2010 queda finalista do VI Premio de Novela Biblos-Pazos de Galicia. Nese mesmo ano gaña o 4º Premio Meiga Moira coa súa obra «Violeta Tamurana» (2010), que tamén queda finalista do Premio da Edición 2010 e do Premio Frei Martín Sarmiento 2011. Con «Nubes de evolución» (Xerais 2013) quedou finalista do Premio Fundación Nova Caixa Galicia 2011 e gañadora do Premio Fervenzas Literarias, 2014. Con «Volverás, golfiño» (Xerais 2014) quedou finalista do Premio Merlín, 2013. En 2015 gañou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil con «Europa Express» (Xerais 2015). En 2017 foi finalista do Premio Raíña Lupa con «O que sei do silencio» (Xerais 2018). Coa novela «Conta nove estrelas» (Xerais 2019) gañou o Premio Lazarillo 2018.

(Na imaxe, María Marco Covelo)

Cultura

Publica o teu comentario agora