Colocan un artefacto no local do PSdeG-PSOE en Teo

Colocan un artefacto no local do PSdeG-PSOE en Teo

25 de Decembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

O local do PSdeG - PSOE en Teo (A Coruña) sufriu un atentado esta madrugada. A Garda Civil investiga a colocación dun artefacto caseiro que provocou grandes danos materiais na fachada do local, rebentando os seus cristais e o enreixado exterior que o protexía. O suceso ocorreu sobre as 02.45 horas.

Os veciños indican que no edificio, un pequeno bloque de pisos, non había ninguén vivindo. A forte explosión fíxose sentir en localidades próximas. Os artificieiros da Garda Civil tomaron mostras do explosivo, que deixou o local socialista completamente esnaquizado. O secretario xeral dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, visitou o local de Teo para comprobar a gravidade dos danos. Vázquez dixo sentirse «indignado» pero asegurou que este tipo de actos «non van atemorizarnos». En compañía do delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, visitou o local ubicado en Cacheiras e afirmou que en canto estean reparados os danos causados no local socialista, a dirección do PSdeG-PSOE reunirase nel como mostra de apoio aos compañeiros do partido neste municipio coruñés. No pasado mes de setembro os locais do PSdeG en Salvaterra de Miño, A Estrada e Salceda de Caselas foron obxectivo deste tipo de explosións causando tamén importantes danos materiais. Outro artefacto estourou nese mesmo mes na oficina do INEM de Lugo.

 

Sociedade