Coma nun aquelarre

Coma nun aquelarre
19 de Agosto, 2019 - 01:43 h. | Publicada por Radio Fene

A XXV edición da Festa da Orella celébrase o sábado 24 de agosto, dende a unha do mediodía. A puntualidade británica será unha das características do evento. Unha festa gastronómica coa orella cocida de porco como protagonista na que a música ten tamén un apartado especialmente coidado.

Festa da Orella de Limodre. 2017

O prato principal, a orella de porco, prepárase cocida con moito mimo e sérvese nunha ración formada por unha orella, un chourizo e unha pataca, acompáñase a ración cun boliño de pan e auga ou viño, segundo a preferencia d@ comensal. Este ano, como novidade, serviremos tamén bocadillos de liscos para aqueles que están a iniciarse nas delicias do porquiño. O evento, que terá lugar na pista polideportiva baixo unha carpa na que se instalarán mesas e sillas para os visitantes, incluirá actuacións musicais ao longo do día.
A sesión vermú abrirá a festa, a partir das 13.30,  coa actuación de A Tribo das Flores. Como saídos dun aquelarre musical no marco de San Lourenzo, A Tribo das Flores é unha romaría fenesa de primavera que condensa o folk e o pop, a canción tabernaria e a melodía máis delicada nunha proposta cantada en galego, italiano, inglés e portugués. O bardo limodrés Roger Arias é o mestre de cerimonias dun combo de frescura diletante completado co percusionista Serxio Galego, a cantante e guitarrista Amparo Arias, o acordeonista Nicolás Vidal e a cosmopolita intérprete Silvia Fralleoni. Difícil ver a flores tan distintas facendo un ramo máis harmónico. Ao remate da actuación realizarase un sorteo de agasallos entre os asistentes.
A partir das 19.00 h retomaremos as actuacións neste caso da man de Tedaga, exhibición de bailes de salón de primeira categoría a cargo das catro parella finalistas do Campionato Galego de Baile 2019.
De seguido, ao redor das 20.00 horas a música folk inundará a carpa arrufados polo trío Andoa, é unha fantástica banda de músicas folk atlánticas, como son a irlandesa, escocesa, galega... Os compoñentes de Andoa; Ricardo Mouriño (low whistle, frauta traveseira e gaita), Iago Boente (bouzouki) e Roi Adrio (percusións) teñen unha ampla traxectoria no mundo da música tradicional así como noutros xéneros musicais que van dende o reggae, jazz, etc. E para rematar a festa unha gorentosa queimada e convite ao baile da man de Juan París. 

Sociedade

Publica o teu comentario agora