Comeza a conta atrás para o arranque do Festival do Mundo Celta de Ortigueira

Comeza a conta atrás para o arranque do Festival do Mundo Celta de Ortigueira

06 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Cada vez queda menos para unha nova edición do Festival Celta de Ortigueira. Do nove ao doce de xullo milleiros de persoas desfrutarán da mellor música celta e folk nesta vila que cada vez é máis coñecida grazas a este evento.

O obxectivo deste ano está claro:unha volta ás orixes cun deseño máis aproximado á estética celta. É por iso que o que predominará nesta edición será a música procedente de Escocia, Bretaña e por suposto, Galicia.
O xoves o festival dará comezo coas actuacións da Escola de Gaitas de Ortigueira acompañadas de gaitas escocesas. Xa na noite, actuarán dous grupos de música galegos e un catalán como finalistas do “Proxecto Runas” para promoción de grupos noveis. Foi o público quen os elixiu a través da páxina web do festival e será o público o que escollera tamén ao gañador que poderá actuar o ano que ven no escenario principal do festival.
O venres Fred Morrison cheará a praza do concello co seu concerto que comezará ás oito do serán. “Será un concerto máis tranquilo e íntimo”, afirmaba Alberto Balboa, director do festival. Máis tranquilo e ínitimo con respecto ó concerto das dez da noite no escenario principal, no que Susana Seivane presentará o seu novo disco. O venres tamén soará a música dos irlandeses Michael Mcgoldrick band entre outros.
O día grande do Festival de Ortigueira é o sábado. A banda de gaitas da casa de Galicia de Hospitales abrirá os concertos do día. Seguiraos os gaiteiro Xosé Manuel Budiño e varios grupos canadienses e escoceses daranse cita ante milleiros de persoas no Escenario Estrella Galicia.
O domingo será a clausura do Festival cos concertos de diferentes grupos folk. O festival deste ano contará con case vinte concertos complementados con catro obradoiros como un curso avanzado de gaita ou un curso a cargo de Mercedes Peón de cante e pandeireta.
Balboa lembrou o bo ambiente que hai no Festival, e que tamén todo é de balde. Este ano agárdase unha afluencia de público de preto de cen mil persoas.

Sociedade