Comezan as emisións radiofónicas de “Palabras no ar” no 107.4 fm coa participación dos escolares de Monforte

Comezan as emisións radiofónicas de “Palabras no ar” no 107.4 fm coa participación dos escolares de Monforte

22 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Monforte

A campaña de animación lingüística “Palabras no ar” chega esta semana á radio de Monforte. Ás 14.15 e ás 15.15 horas, no 107.4 da FM, frecuencia de Radiofusión Monforte, poderase escoitar este espazo radiofónico que recolle sesións de contos e música, obradoiros de oralidade e de escrita creativa, nos que interviron uns 700 escolares da vila, pertencentes aos CPR Divina Pastora, Padres Escolapios, e Ferroviarios,

Esta iniciativa enmárcase no programa “Bocaberta”, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e está desenvolvido pola editorial Kalandraka. A principal novidade consiste en proporcionarlles ferramentas aos propios alumnos para participar activamente no uso da lingua galega. Para o público en xeral, todas as actividades escolares realizadas pódense repasar a través da web www.palabrasnoar.org.

 

 

As sesións de contacontos, que se acompañan coa interpretación de música tradicional a base de instrumentos como a frauta, a pandeireta ou o clarinete, están dirixidas a escolares de cero a tres anos, das escolas de Educación Infantil, e de tres a sete anos, pertencentes a 1º ciclo de Primaria. Para os nenos de oito e nove anos das aulas de 2º ciclo de Primaria deseñáronse obradoiros de oralidade, nos que se practican estratexias lúdicas a partir da lectura e da literatura, para fomentar o uso do galego como medio de expresión. Os rapaces de dez e once anos que estudan 3º ciclo de Primaria participan en talleres de escrita creativa nos que, tamén a partir dos contos, se lles fan propostas de redacción en galego que, ademais, favorecen o desenvolvemento da súa imaxinación. Os escolares serán agasallados cun CD que contén os programas de radio emitidos.

 

“Palabras no ar” é a continuación de “Cantar e contar: ler na nosa lingua”, coa que en 2008 se apostou pola recuperación do folclore infantil galego. Esta segunda parte segue redundando na riqueza da nosa tradición oral, co avance de que anima aos nenos e nenas a expresárense en galego, tanto de xeito oral como por escrito, á vez que asocian o idioma coas novas tecnoloxías da información e da comunicación.

 

Esta actividade principiou en Fene, seguiu en Monforte e ata que remate o ano vai continuar a súa ruta por Santiago de Compostela, Ames, Allariz, A Estrada, Redondela, Culleredo e Cambados. En conxunto, a campaña vai chegar a uns 7.000 escolares de Educación Infantil e Primaria dos nove concellos.

Sociedade