Como mellorar a convivencia e o benestar animal no municipio

Como mellorar a convivencia e o benestar animal no municipio
28 de Xaneiro, 2021 - 12:01 h. | Publicada por Radio Fene

A Concellaría de Medio Ambiente de Fene e a asociación INDICAN reuníronse hai uns días para definir as principais actuacións en materia de benestar animal que se van desenvolver no municipio ao longo de 2021. No encontro marcouse como prioritario o traballo de informar sobre a normativa ao redor da tenza de animais, así como a promoción de espazos específicos orientados ao desfrute de persoas e mascotas. Ademais, o Concello e INDICAN tamén avogan por un control "responsable" das colonias felinas.

Un dos primeiros temas abordados na xuntanza foi o de marcar as liñas xerais da colaboración entre o Concello e INDICAN de cara a "mellorar a vida de todos os animais, tanto domésticos como sen domesticar, que habitan nas nosas parroquias, por medio da concienciación e a implicación veciñal", tal e como apunta a titular de Medio Ambiente, Marta Pereiro Calvo.Desde esta concellaría considérase "prioritario" levar adiante campañas específicas que aborden, por unha banda, o fomento da adopción de mascotas en vez da súa compra -algo no que xa se empezou a traballar o pasado Nadal-, incidindo ademais na concienciación sobre o que implica facerse cargo dun animal. "Ter un can, un gato ou calquera outra mascota significa asumir a responsabilidade do seu coidado e tamén o cumprimento dunha normativa moi ampla que pretende garantir o seu benestar, pero tamén a convivencia", explica a concelleira Marta Pereiro.

Por outra banda, desde Medio Ambiente tamén se entende como "urxente" revisar e ampliar o contido das dúas ordenanzas municipais en vigor -unha referida á tenza, defensa e protección dos animais de compañía e outra que regula a licenza para posuír animais potencialmente perigosos- coa finalidade de "actualizalas" e de que respondan mellor "ao necesario equilibrio entre a preservación dos dereitos dos animais e os das persoas". Pereiro cita, entre outros obxectivos das accións de sensibilización que se desenvolverán neste 2021, "darlle maior difusión á normativa de protección e tenza de animais para que todo o mundo a coñeza, aínda que non posúa ningunha mascota" e tamén "acabar co estigma dos mal chamados cans perigosos. Non existen razas perigosas, senón persoas que ensinan os seus cans a ser agresivos. Por iso fai falla dirixir os esforzos á educación e concienciación dos propietarios".

O traballo que se quere levar a cabo durante este ano en colaboración con INDICAN tamén se refire ás colonias felinas, "a lei descarga nos concellos a responsabilidade sobre o seu control e por esta razón debemos levar a cabo unha xestión responsable, atopar un punto intermedio entre o interese público e veciñal e o respecto pola vida dos gatos non domesticados" indica Pereiro.

A Concellaría de Medio Ambiente tamén pretende ir ampliando progresivamente o mapa de espazos específicos para persoas coas súas mascotas e, neste sentido, favorecer que Fene "vaia converténdose pouco a pouco nun municipio onde tanto as nosas veciñas e veciños como os animais convivan en harmonía e co respecto que merecen".

Institucional

Publica o teu comentario agora