Con máscaras e sen máscaras

Con máscaras e sen máscaras
27 de Outubro, 2020 - 12:56 h. | Publicada por Radio Fene

Sendo tantos e sendo un deporte de contacto, o coronavirus fixo mella nos adestramentos e competicións de baloncesto. O club Costa Ártabra comezou sen máscaras, así o permitían os protocolos gobernamentais, pero tiveron que pasar a adestrar e competir con ela.

ESCOITA O PODCAST:
Jorge Juan, xogador e adestrador do Club Baloncesto Base Costa Ártabra

O Club Baloncesto Base Costa Ártabra naceu en 2016, bastante novo, pero ten 26 equipos federados e un total de 280 xogadores e xogadoras. Jorge Juan, leva dous anos como xogador do filial masculino mais tamén é adestrador do equipo mini feminino de Liga Galega e axudante no infantil masculino.

Dende o club teñen claro que o máis importante, ademais de fomentar o deporte non só entre os máis pequenos, son os valores e todo o que se pode aprender do traballo en equipo. Como Jorge explica “os nenos non só aprenden no colexio, nós tamén somos un referente”. Aquí se asentan os principios e os valores dun ente que ten equipos en liga estatal.

A responsabilidade sanitaria, agora, compártena cos pais. O Costa Ártabra conta cunha relación forte e consolidada con todos os membros e consideran “esencial” ese apoio dende as casas. Mentres que eles cumpren con todos os requisitos sanitarios dentro das canchas, os xogadores teñen a responsabilidade de, por exemplo, controlar as temperaturas para facer das pistas un lugar seguro.

Todos os equipos de competición teñen a matricula aberta. Todos os nenos entre 3 e 17 anos aínda están a tempo de coñecer todo o que promoven  dende o club. Actualmente adestran en FIMO (A Malata), no Pabellón Municipal “Javier Gómez Noya (Caranza), na Casa do Deporte (Caranza), no Pabillón Municipal de Esteiro (Ferrol) e no CEIP Ponzos (Ultramar).

O traballo en equipo, a identidade colectiva ou un uso deportivo do tempo de lecer. De xeración en xeración, os que un día foron ou aínda seguen sendo xogadores son tamén adestradores.

Deportes

Publica o teu comentario agora