Concello contra a violencia machista

O lema escribirase en indicadores nas estradas, bancos e pasos de peóns
16 de Outubro, 2020 - 09:28 h. | Publicada por Radio Fene

A cor morada será o símbolo máis visible da campaña contra a violencia de xénero no concello de Fene, que tenta implicar a comercio e hostalería na reivindicación do 25 de novembro.

ESCOITA O PODCAST:

25 de novembro

Medio cento de establecementos de Fene sumáronse á campaña “Fene violeta” cando estamos nas vésperas do Día contra a violencia de xénero que se conmemora o 25 de novembro. A campaña na que se implica ao comercio, a hostalería e as sociedades de Fene, arranca o próximo venres dia 23 de outubro. A concelleira res-ponsable da área social, Mª Carmen Martínez, convida a comerciantes e hostaleiros que aínda non se sumaron a que o fagan nos próximos dias para así dar unha maior visibilidade ao tema central da campaña que non é outro que acabar con esa lacra social que custa a vida ás mulleres.

A Marcha Mundial das Mulleres centrará este ano os actos reivindicativos do día 25 de novembro en Fene. Será na praza do concello onde se concentren. Informa Mª Carmen Martínez que o concello está estudando a colocación de indicadores nas estradas que digan: “Benvida a Fene, concello contra a violencia machista”. Estanse reunindo ideas tamén para pintar lemas ou de cor morado os bancos e os pasos de peóns. Habitualmente se facían actividades preventivas nos colexios que este ano, debido á situación sanitaria, non será posible.

Tardes Activas

Recordando o noso, Máis memoria son obradoiros que forman parte das Tardes Activas, un programa municipal destinado á xente maior para previr demencias e manter a actividade intelectual en bo estado. Acaban de retomarse coa normalidade que permite a situación actual e tomando extremas medidas de seguridade. Os grupos reducíronse a 10 persoas como máximo e houbo que realizar algún desdobre, pero xa empezaron a funcionar. Se fose necesario repetiríase a experiencia na radio para permitir a participación a aquelas persoas que teñen medo aínda de reunirse presencialmente porque realmente son grupo de risco. Martínez reuniuse hai uns dias co xerente da área sanitaria en calidade de responsable municipal en temas de saúde. Presentoulle as queixas de veciños e veciñas sobre a atención no centro de saúde, en relación coa activación da medicación e a atención telefónica.

Institucional

Publica o teu comentario agora