Conciliando polo nadal

Conciliando polo nadal

27 de Decembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

Coa chegada do Nadal o Concello de Ordes puxo en marcha, a través da concellería de Educación, Mocidade e Discapacidade, que dirixe a concelleira Silvia Marín, unha nova edición do programa “Conciliar será fácil e divertido”. O programa arrincou o pasado día 23 de decembro e participan máis de medio cento de nenos e nenas ordenses.

Trátase de actividades dirixidas aos pequenos do municipio nas mañás das vacacións de Nadal, co fin de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das familias, á vez de que os nenos e nenas participantes teñan un tempo de diversión e ocio con xogos e obradoiros. 

As actividades terán lugar ata o 7 de xaneiro en horario de 9 a 14 horas e están dirixidas a nenos e nenas escolarizados en educación infantil ou primaria no curso 2010/2011, que deberon realizar a súa inscrición con anterioridade.  

Non é a primeira vez que se leva a cabo este programa de actividades de conciliación, que ademais de celebrarse no Nadal tamén organiza o Concello de Ordes noutras épocas de vacacións escolares como a Semana Santa e o verán. Tal e como explicou a concelleira, Silvia Marín, con estas actividades “procuramos facilitar ás familias ordenses a conciliación entre o traballo e a vida familiar nuns días nos que os pequenos teñen vacacións escolares o que dificulta aos pais o seu coidado ao ter que compaxinalo co seu traballo”. 

Sociedade