Concluie en Santiago a Marcha Galega polo Emprego

Concluie en Santiago a Marcha Galega polo Emprego

03 de Xullo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

Unhas 5.000 persoas participaron este mediodia en Santiago de Compostela no acto final da Marcha Galega polo Emprego convocada pola Confederación Intersindical Galega. Grupos de desempregados partiron o pasado xoves das 7 cidades galegas para realizar a pé o percorrido ata a capital de Galicia

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, indicou que as medidas que están a adoptar os Gobernos "non van encamiñadas a crear emprego senón a apoiar ao sector financeiro e dar máis beneficios a bancas e multinacionais".

   Respecto diso, Suso Seixo expresou a necesidade de "sensibilizar á sociedade ante unha situación moi complicada" que debe tomarse "en serio por parte dos cidadáns, independentemente das súas ideas políticas".

   Segundo manifestou, coas medidas actuais o que queda, precisamente, "é máis desemprego e máis precariedade", polo que considerou "fundamental" que se cambien as políticas económicas que están a dar lugar a unha "situación moi complicada" na que "moita xente está en perigo de caer nunha situación de marxinalidade social".

"SITUACIÓN DE EMERXENCIA NACIONAL"

   Nesta mesma liña manifestouse o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, quen asegurou que "é evidente que a acción combinada do Goberno central e da Xunta está a levar a unha situación de emerxencia nacional".

   "É evidente que o paro aumenta, a emigración de miles de mozos segue producíndose e, aínda por encima, perdemos poboación" asegurou Vázquez antes de considerar que, tras dous anos de crises, "é necesario unha alternativa" e "unha maior soberanía para poder tomar decisións no campo económico en Galicia".

   Ademais, esixiu "un cambio radical" da actual política económica "que está a mandar facer a gran banca, as grandes corporacións e a Unión Europea", unha política que, ao seu xuízo, "tanto Goberno central como a Xunta" aceptan como "se se tratase de algo inevitable".

   "Para nós o paro non é unha maldición bíblica, senón a consecuencia destas políticas, e, desde logo, o que hai que facer para acabar con él, é empezar eliminando esas políticas".

DISTINTAS MARCHAS

   Pasadas as 12:00 horas deste domingo, e unha vez unidas as distintas marchas que partiron de cada unha das cidades galegas, os manifestantes partiron da Alameda compostelá coreando consignas como 'Onde están, non se ven, vos postos de traballo do PP'.

   Entre os participantes na marcha, atopábanse numerosos dirixentes do BNG como o seu portavoz na Cámara galega, Carlos Aymerich; o deputado no Congreso, Francisco Jorquera; ou o candidato á alcaldía de Santiago, Rubén Cela, quen acompañaron aos manifestantes polas rúas da capital galega até a Praza da Quintana.

   Na Quintana, portavoces das distintas marchas que percorreron a Comunidade expresaron a necesidade de "visibilizar" a problemática do desemprego en Galicia e concienciar aos parados para que se mobilicen", xa que, tal e como indicou un dos membros da marcha que partiu da cidade herculina, Duarte Abad, "non se puiden quedar en casa mentres, día a día, os dereitos dos traballadores elimínanse".

   Por último, o secretario xeral da CIG detallou que, en xeral, as distintas camiñadas até Santiago "foron ben" xa que se pasou por moitas poboacións" e aproveitouse para facer asembleas en varios puntos do percorrido".

Sociedade