Conde Roa quere a semifinal da Copa Davis en Santiago de Compostela

Conde Roa quere a semifinal da Copa Davis en Santiago de Compostela

22 de Xullo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

O alcalde de Santiago de Compostela, Xerardo Conde Roa, presentou esta mañá en rolda de prensa un anteproxecto no que defende a candidatura da súa cidade como sede para albergar a semifinal da Copa Davis, que se celebrará os días 16, 17 e 18 do vindeiro mes de setembro, entre os equipos de España e Francia.

A presentación da candidatura da cidade santiaguesa tivo lugar na propia casa do Concello, onde Conde Roa definiu o proxecto como un "reto" que pode aportar datos moi positivos para a cidade compostelá, destacando a ligazón histórica  que o Camiño Francés establece entre ela e o país rival. O recén escollido alcalde, resaltou a capacidade organizativa que un evento de tal magnitude require, pedindo o apoio de tódolos sectores, tanto económicos, como sociais e incluso políticos. Ademais, Conde Roa defendeu a proxección que o evento suporía para a cidade compostelán, colocándoa no "primeiro nivel de competicións deportivas internacionais", e especialmente para a Cidade da Cultura, ubicación que se ten escollido para acoller o evento, en detrimento doutras como o Multiusos do Sar, descartado pola escasa capacidade de aforo -non chega aos 10.000 espectadores que a federación esixe como mínimo-, ou o estadio de San Lázaro. Sobre esta elección, falaron tamén Marco Casal e José Antonio Pereiro, Director técnico e Presidente da Federación Galega de Tenis respectivamente, defendendo a capacidade do Gaiás para albergar tanto as propias pistas como as construccións complementarias (vestiarios, zona comercial, etc.), e agradecendo o interese da cidade compostelá por convertirse en sede dun evento tan importante a nivel mundial.

Sociedade