Condena do machismo que non cesa

Condena do machismo que non cesa
20 de Marzo, 2024 - 02:12 h. | Publicada por Radio Fene

Fene contra a violencia machista. Concentración silenciosa esta mañá, convocada polo Concello, en sinal de repulsa polo crime machista de Ribeira. “Algo estamos facendo mal todos”, denuncia o alcalde, Juventino Trigo.

ESCOITA O PODCAST:

A violencia machista non cesa. Andrea Yturry Alave, de 25 anos, é a máis recente muller morta. Matouna onte a súa exparella en Palmeira, no concello de Ribeira. Lembrando a Andrea e para condenar o seu asasinato, o Concello de Fene convocou unha concentración que tivo lugar ás 12 diante da Casa do Concello. Encabezada polo alcalde, participaron nela membros da Corporación, persoal municipal e cidadanía que gardaron un minuto de silencio. O rexedor, Juventino Trigo, expresou a súa preocupación porque o machismo agrome tamén entre a xente nova. Defende a educación como ferramenta necesaria para combater a violencia contra as mulleres coa que non dan acabado os mecanismos de represión.

Esta mañá soubemos que Galicia rexistrou en 2023 máis de 20 vítimas de violencia de xénero ao día, un 7,6 % máis que en 2022. Aumentaron tanto o número de denuncias como o de mulleres vítimas.7.438 mulleres. As vítimas presentaron o 76,7 % das denuncias, mentres que as interpostas polo seu contorno representan o 1,9 %. 53,1 mulleres de cada 10.000 sufriu violencia de xénero. Datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora