A Confraría da Coruña denunciará a contaminación da ría ante a Unión Europea

A Confraría da Coruña denunciará a contaminación da ría ante a Unión Europea

21 de Xaneiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A Confraría de Pescadores da Coruña denunciará ante a Unión Europea a contaminación que sofre a ría herculina. Desde o pósito entenden que anos de negociacións coas administracións locais, autonómica e estatal non deron os froitos desexados, polo que o vindeiro mes de febreiro acudirán á oficina do comisario comunitario de Pesca para tramitar a súa demanda. "Xa non hai marcha atrás”, asegurou

Os mariscadores coruñeses lembran que existen precedentes próximos, xa que en 2005 a Unión Europea impuxo ao Estado unha multa millonaria por mor da contaminación da ría de Vigo. O patrón maior da confraría herculina argumentou nos micrófonos de Radiofusión que neste caso non se trata só dun problema medioambiental, senón que existen riscos en canto á seguridade.

O furtivismo é outra cuestión que preocupa á Confraría de Pescadores. Na súa última reunión coa Consellería de Pesca, acordaron que a Policía e a Garda Civil comezasen a colaborar nas tarefas de vixilancia contra a extracción ilegal de produtos da ría. Ademais, desde a Administración propuxeron a creación dunha reserva natural no entorno de O Portiño, unha medida que os pescadores prometeron estudar en vindeiras datas.

Sociedade