A conquista do cool

A conquista do cool
18 de Novembro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

De como a contracultura e os movementos revolucionarios acaban convertidos en produtos de última moda.

ESCOITA O PODCAST:

En “A conquista do cool. O negocio da cultura e a contracultura e o nacemento do consumismo moderno” Thomas Frank demostra como os movementos revolucionarios son deglutidos polo capitalismo ata convertelos en moda.

Antes de afondar no libro recomendado esta semana, o profesor Noel Blanco explícanos quen é Thomas Frank, xornalista e historiador “ao que lle gusta levar a contraria”. Escrebe sobre política e é un dos grandes críticos, dende a esquerda, do partido demócrata nos EEUU. Este libro é a súa tese de doutoramento e nace dunha observación, afirma Blanco; “todos os movementos artísticos de vangarda desde os anos 20, a contracultura dos 60, convértense en marcas e comercialízanse rapidamente. “Perden a súa esencia de contestación política moi pronto. Thomas Frank pregúntase porqué sempre pasa isto?”.

Recíclanse os movementos nacidos contra o sistema e convértense nunha marca que podes comprar. O sistema acaba deglutindo a cultura que nace contra del. Acaba encerrada nunha camisola: véxanse exemplos como Los Ramones, Frida Kalo ou o Che. Para Thomas Frank, a industria da publicidade é a creadora de fantasías ideolóxicas, a que ten ese papel de transferir todo produto transgresor a un estilo de vida. As camisetas con mensaxe son a última moda pero hai moitísimos mais produtos de uso cotián. Hai unha retro alimentación permanente.

Traducido en termos políticos, o que lle interesa ao autor estadounidense é demostrar como o partido demócrata perdeu a conexión co pobo e acabou representando á clase capitalista, ás corporacións e aos profesionais. Pensa Frank que neste momento a especificidade da comercialización da contracultura é a que crea esa cultura aspiracional dos 80 que vai desembocar no neoliberalismo. En palabras de Noel Blanco, “A conquista do cool ten momentos moi graciosos como cando o autor se pregunta como é posible que os hippies que saíron da Universidade acaben representando a rapacidade do capitalismo máis forte?”

Cultura

Publica o teu comentario agora