A conselleira de Traballo agarda que o xuiz aclare a sentencia contra Ana María Diaz

A conselleira de Traballo agarda que o xuiz aclare a sentencia contra Ana María Diaz

23 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Non era a directora xeral de Formación e Colocación Ana María Díaz López, senón a súa nai, pero o xuiz confundiuse de nomes. Esa é a teoría formulada agora pola conselleira de Traballo Beatriz Mato arredor da sentencia que condena ao alto cargo da Xunta de Galicia por despido improcedente e por traballar sen contrato nun restaurante en Ferrol. A tese da confusión de nomes xa foi expostao pasado venres polo representante do PP Antonio Rodr

A conselleira de Traballo, Beatriz Mato, asegurou que tanto a Xunta como o PP esperan "unha aclaración" da sentenza que condena á directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz López, por despedimento improcedente. O xuiz considerou probado que foi a alto cargo de Traballo quen botou a unha empregada que traballaba sen contrato nun restaurante e un domicilio da súa familia. A máxima autoridade en materia laboral do Goberno galego, confiou en que "dentro de pouco haberá unha aclaración para que toda a sociedade teña confianza nesta persoa". Mato volveu poñer a man no lume pola "profesionalidade e honestidade da directora xeral, incluso desde antes que se incorporase á consellería".

A última versión da Xunta -anticipada polo PP- é que o fallo xudicial confunde a Ana María Díaz López coa súa nai, quen nin sequera figura entre os demandados. Así o asegurou o número tres do partido, Antonio Rodríguez Miranda, o venres, quen apoiou o seu argumento en que entre ambas persoas "só cambia un apelido". Miranda denunciou ademais unha "caza de bruxas", sen apuntar quen estaría detrás de semellante operación. "Non dicimos que o xuíz se enganara", matizou onte a conselleira, quen pese a todo insistiu en que esa aclaración debe chegar desde o xulgado.

Namentres, a afectada, Ana María Díaz López, mantén o seu silencio unha semana despois de que se coñecese unha sentenza que xa é firme ao non ser recorrida por ningunha das partes. É precisamente a directora xeral condenada quen ten a potestade de pedir ao xuíz unha aclaración se considera -como o PP e a propia Mato- que o xuíz confundiu os nomes.

O fallo cita ata tres veces explicitamente a Ana María Díaz López e en ningún momento alude á súa nai. Nos feitos probados menciona o traballo que a denunciante desempeñaba no domicilio do irmán da alto cargo e certifica que "foi a irmá, quen a cesa na relación laboral de empregada do fogar". A cita é textual, o xuíz fala de "a irmá" que só pode ser Ana María Díaz López.

A teoría sobre a confusión do xuíz é a última á que se aferrou a consellería de Traballo. Ao coñecer o fallo, a Consellería de Traballo e o PP negaron primeiro que a sentenza condenase ao seu alto cargo e fixeron crer que só afectaba a unha empresa da que a alto cargo da Xuta non formaba parte, esgrimindo incluso a inscripción no Rexistro Mercantil da empresa adxudicataria do servizo de restaurante e cafetería da estación de Autobuses de Ferrol.

Dous días máis tarde, a propia conselleira aceptou a condena da súa directora xeral pero aludiu a futuras sentenzas que explicarían o caso. O PP chegou a facer público outro fallo do xuíz sobre un caso distinto que condena á familia de Díaz López por un segundo despedimento improcedente, pero que absolve á directora xeral, nesta ocasión porque a demanda se presentaba contra un despedimento na empresa da familia. Pese a que esta demandante, segundo quedou probado, tamén traballaba como asistenta para Ana María Díaz López, o fallo só alude ao fin da relación laboral no restaurante, que era o obxecto da denuncia.

Sociedade