Constitúese en Ferrol a Plataforma Cidadá para a Defensa da Sanidade Pública

Constitúese en Ferrol a Plataforma Cidadá para a Defensa da Sanidade Pública

03 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Medio cento de representantes de asociacions de veciños, asociacións sanitarias e os segredarios comarcais das catro agrupacións sindicais galegas asinaron hoxe a súa adhesión á Plataforma Cidadá para a defensa da Sanidade Pública. A iniciativa partiu das Asociacións de Veciños de Esteiro e de Valón ante a situación crítica en que se vai ver a comarca cos recortes orzamentarios previstos para o vindeiro ano.

O presidente da Asociación de Veciños de Esteiro, Miguel López, quixo deixar claro que a plataforma non quere tirar pedras contra o sistema sanitario que é como declarou “comparable en calidade ao de calquera país europeo”. O que sí critican duramente son as graves deficiencias que existen e que se verán agravadas co recorte de 38 millóns de euros previsto nos orzamentos galegos do vindeiro ano.

Falan concretamente do drástico recorte que sofrirá o Plan Director  do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol ao que so se destina unha partida de 100.000 euros, fronte a cantidades moi superiores que reciben outros hospitais como o de Monforte. No documento de reivindicación presentado pola plataforma recóllese tamén a necesidade de que o goberno da Xunta poña fin á expansión de modelos sanitarios traidos de fora, que so pretenden a privatización da sanidade e os concertos con hospitais que non son públicos.

Outra das súas reivindicacións é a necesidade de que se cree un Centro de Enfermidades Profesionais na área sanitaria de Ferrolterra polo elevado número que destas doenzas hai na zona. Pide tamén este colectivo que se dé unha solución ao problema das listas de espera en atención primaria, especializada, probas de diagnose e cirurxía.

Sociedade