A construcción dos sindicatos contra Franco

A construcción dos sindicatos contra Franco

09 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Os sucesos de marzo de 1972 en Ferrol puxeron de manifesto a importancia da clase obreira na loita contra a dictadura. Na comarca ferrolana estaba a artillería pesada da oposición ao réxime de Francisco Franco. Así o comprenderon distintos grupos polìticos a raiz das protestas dos traballadores de Bazan.

Despois da fatídica data do 10 de marzo de 1972, da morte na Avenida das Pias dos traballadores de Bazan Amador Rey e Daniel Niebla, a represión policial practicamente esfarela a forte estructura de Comisións Obreiras e do Partido Comunista. Os poucos militantes que permanecen na comarca deben atender ás necesidades das familias dos presos e dos exiliados. Apenas queda tempo para a actividade política.

 

Simultaneamente outros partidos políticos envian á comarca militantes coa perspectiva de formar núcleos de actuación. E o caso da Unión do Povo Galego, a UPG. Nos anos 1973 e 1974 militantes nacionalistas achéganse á comarca coa perspectiva de formar grupos de simpatizantes. Aproveitan o bo momento que atravesa naqueles anos a construcción naval para empregarse nas compañias auxiliares de Astano ou Bazan. E o caso de Manuel Mera e de Lois Rios Paredes, que logo ocuparán a secretaria xeral da INTG e da CIG. Así Manuel Mera chega á comarca a mediados de 1973. Traballará en Astano na construcción do Buitrón, e en Bazan no Paloma del Mar. Empregouse na compañia auxiliar Watt. Lois Rios Paredes ven a Ferrol dende a Coruña. Antes pasara á clandestinidade por un asunto de propaganda ilegal. Tivera que abandonar un emprego en Vigo. Chegou á comarca en 1974.

 

Os descampados, baixos abandonados ou fábricas destruidas servian aos militantes da UPG para realizar reunións clandestinas con grupos de simpatizantes. Falábase dos problemas cotiáns dos traballadores, da inxusticia da dictadura e da necesidade de autogoberno para Galicia. No ano 1973 na comarca existia unha estructura moi forte pero desmantelada de Comisións Obreiras. A concentración de traballadores en Astano e Bazan nos primeiros anos 70 fixo que estas empresas se convertisen na punta de lanza dun movemento que arrastraba a toda Galicia. Eran momentos políticos de efervescencia.A UPG aproveitou o auxe nacionalista que se vivia nos primeiros anos 70 para espallar a súa organización tamén na comarca de Ferrol.

 

Homes como Manuel Mera, Lois Rios e outros reunianse daquela con grupos de 10 ou 12 persoas. Intentábase montar unha estructura.Eran épocas de moita axitación sindical. Ao chegar 1974 en Bazan e Astano reanudaronse as asambleas parciais de traballadores, suspendidas transitoriamente despois da represión de marzo de 1972. Os militantes da UPG combinaban o traballo clandestino con intervencións nas asambleas das grandes empresas.A comarca de Ferrol vivia naqueles anos un momento de auxe. Un salario dun traballador dunha compañia auxiliar alcanzaba as 20.000 pesetas mensuais, case o doble do normal noutras cidades galegas. Os estaleiros empregaban a case 20.000 persoas. A Ferrolterra chegaban traballadores de fora de Galicia. Era nos anos 73, 74 e 75 unha cidade claramente en auxe. Marzo de 1972 é a data clave na historia contemporánea do sindicalismo en Galicia. Os acontecementos ocurridos nesa data marcaban a Ferrol como a vangarda do movemento obreiro galego, e aqueles feitos poden considerarse como o inicio da transición na comunidade galega, xa que a xente perdeu o medo a protestar, a exteriorizar as arelas de liberdade. Os sucesos de marzo de 1972 en Ferrol puxeron de manifesto a importancia da clase obreira na loita contra a dictadura. Así o comprenderon distintos grupos polìticos antifranquistas.

 

Sociedade