Conta atrás para o comezo da Semana Cultural da Asociación Felicia.

Conta atrás para o comezo da Semana Cultural da Asociación Felicia.

27 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A entidade de Limodre anuncia unha serie de concertos e actividades nas xornadas previas á celebración do Felipop, que este ano será os días 7 e 8 de agosto.

A Semana da Asociación Cultural Felicia comezará o vindeiro luns, 3 de agosto, cunha proxección de cine ao aire libre na que se poderá ver a película “Pequenos salvaxe”. Para o martes 4 anúncianse as actuacións do grupo de clown belga “Rudie Dudie” e a do contacontos Cándido Pazó co seu espectáculo “Historias tricolores, ou de cómo aqueles animaliños proclamaron a República”. As actividades continuarán o mércores co grupo de clown “Pajarito” e co Mago Teto presentando “As tolemaxias do Mago Teto”. Na xornada do xoves, e a piques de comezar o Felipop, a música será a protagonista cunha actuación do grupo ferrolán "Bang 74" no establecemento Casa Ardá.

Felipop 2009

A banda de Porto, “Os Azeitonas” será este ano un dos grandes atractivos do Festival de Música Pop de Limodre. Segundo explicou a Radiofusión un dos promotores do certame, en Portugal están arrasando e agora queren darse a coñecer en España.

Da época dourada do pop español, o Felipop rescata este ano a Mamá, unha formación que nos anos 80 se codeaba cos Secretos ou con Nacha Pop. O grupo desfíxose e, despois dun longo período de silencio, “Mamá” reapareceu cun novo proxecto musical e coa formación que se presentará en Limodre o venres, 7 de agosto.

En canto á participación local, destacar este ano a Roger de Flor que será o encargado de abrir o festival no parque da Hortiña. Ademais, na sesión vermout do sábado, 8 de agosto, actuarán os ferroláns “Los chavales”.

Completan o cartel do Felipop 2009 “Miss Black Emotion”, de Castellón, “The Puzzles”, de Santander, “Zodiacs”, de Getxo, “Teixi Band”, de Madrid, e “Doctor Explosión”, de Gijón.

Sociedade