Conta atrás para o comezo do Entroido no concello de Ferrol

Conta atrás para o comezo do Entroido no concello de Ferrol

05 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Degustacións de produtos típicos do Carnaval, o tradicional desfile e concurso de comparsas ou o regreso das atraccións infantís de feira ao Cantón de Molíns, son algunhas das actividades previstas para estas datas.

O Concello de Ferrol organiza unha festa infantil para o vindeiro sábado, día 13, entre as 17.00 e as 20.00 horas, que incluirá un desfile cos nenos que vaian disfrazados. Ás 17.00 horas haberá un pasarrúas, “O mundo do circo”, a cargo da agrupación Troula, así como unha degustación de lacón con grelos, neste mesmo espazo, que estará amenizada polos integrantes da charanga “Os charangos de Neda”.

Logo desta primeira cita, o luns día 15 comezará o concurso de Tapas de Entroido, que por segundo ano consecutivo organiza o Concello de Ferrol xunto coa Asociación de Hosteleiros de Ferrol e Comarca. O certame celebrarase en distintos establecementos da cidade entre os que se seleccionará a mellor tapa típica do Entroido.

Tamén nesta xornada do martes será cando se celebre o tradicional desfile de comparsas e disfraces, que se iniciará ás 19.30 horas na praza de Amboaxe. Dende alí, os participantes dirixiranse ata a praza de Armas, pasando polas rúas Real, Carme e Galiano. Alí terá lugar, a partir das 20.15 horas, o Festival de Comparsas e Disfraces. Segundo explicou a concelleira de Festas, Beatriz Sestayo, este ano e como novidade, o Concello cursou unha invitación formal aos centros educativos para que participen neste festival formando unha comparsa cun mínimo de 15 integrantes. O centro gañador recibirá 1.000 euros que serán aboados en material educativo. Esta canidade sumarase aos 2.500 euros que o Concello repartirá en premios no festival.

Outra das actividades previstas para o Martes de Entroido, día grande das festas no Concello de Ferrol, consistirá nunha degustación gratuíta de torradas, orellas e filloas na praza de Armas, tamén pola tarde, a partires das 20.15 horas.

A programación festiva pecharase o venres 19 de febreiro coa celebración do Enterro da Sardiña no barrio de Ultramar e co festival de comparsas, a partir das 20.30 horas.

Por último e tamén dentro da programación do Entroido, cómpre lembrar que as atraccións de feira volverán instalarse no Cantón de Molíns entre os días 12 e 21 de febreiro. O Martes de Entroido haberá, ao igual que se fixo durante as festas do Nadal, a “Hora feliz”, entre as 16.30 e as 17.30 horas, na que os máis cativos poderán montarse de balde nestas atraccións.

Sociedade